O Foro debate o encaixe de Galicia diante do desafío catalán



Desafio catalán

Albino Prada (á esquerda) e Xoaquín Fernández Leiceaga (á dereita)

O Foro Económico de Galicia abre o 16 de abril un debate para propor solucións diante da posibilidade dun cambio no modelo autonómico español, a partir das novas propostas que xorden dende Cataluña, de independizarse ou establecer novos métodos de financiamento autonómico. O documento base será presentado polo profesor de Economía Aplicada da Universidade de Santiago de Compostela, Xoaquín Fernández Leiceaga e comentado polo profesor de Economía Aplicada da Universidade de Vigo, Albino Prada Blanco.
No seu encontro anual o Foro Económico de Galicia vai debater este ano sobre a Discusión autonómica: riscos e oportunidades para Galicia. Galicia pode perder ou gañar fondos e capacidade autonómica. Sobre a nova discusión autonómica debaterá o Foro e fará a súas propostas, mais tamén abordará o papel dos concellos e a financiamento municipal, a nova Axenda Industrial 4.0 para Galicia, as claves do sector da automoción en Galicia ou o papel do sistema financeiro no crecemento económico. O debate, do que sairán as propostas e plantexamentos do Foro, celebrarase na Toxa os días 16 e 17 de abril.
Trinta economistas, empresarios, executivos de empresas, directivos de administracións públicas e xornalistas especializados en divulgación económica participan no encontro, que este ano conta como poñentes e comentaristas a Xoaquín Álvarez Corbacho, Teresa Pedrosa, Javier Aguilera, Manuel Rodríguez Vázquez, Ángel Ron, José María Arias, Jesús Lampón, José Luciano Martínez, Emilio Pérez Nieto, Xoaquín Fernández Leiceaga e Albino Prada. Entre os xornalistas que este ano participan nos debates a nómina inclúe a Alfonso Sánchez Izquierdo, Sofía Vázquez, José Luis Gómez ou Ana Fuentes.