A economía galega reafirma a ralentización do seu ritmo de crecemento



Presentacións


  • O PIB galego segue a medrar un 2%, tres décimas por debaixo da media en España
  • Crece o dinamismo do gasto das familias, cun incremento do 3,3%, o valor máis elevado dende 2007
  • Significativa caída da demanda externa neste segundo trimestre do 2019
  • Contráese o sector industrial en Galicia que contrasta co incremento en España
  • Galicia é a terceira Comunidade donde máis baixa o número de desempregados
  • Aumentan a poboación ocupada nun 2,1% e crece o número de afiliacións nun 1,9%


Santiago de Compostela, 02.10.2019

Sen dúbida a incerteza política, as tensións comerciais e a evolución da economía alemá están na orixe da ralentización do ritmo de crecemento da economía galega. A actividade económica de Galicia continúa no segundo trimestre do 2019 nun descenso que a mantén por debaixo da media española.

En termos interanuais, o PIB galego medra un 2% sendo esta porcentaxe do 2,3% en España. En termos intertrimestrais o incremento do PIB foi do 0,3% en Galicia fronte ao 0,5% rexistrado para o conxunto do Estado na Contabilidade Trimestral oficial do segundo trimestre publicada o 31 de xullo. Porén, hai que advertir que o INE ten revisado á baixa xa dúas veces as cifras ao longo do mes de setembro; e que, previsiblemente, o IGE fará tamén unha revisión das cifras de Galicia nas vindeiras semanas. O resultado destes (pouco habituais) procesos de revisión será, moi probablemente, a converxencia das taxas de Galicia e España ao redor do 2%.

En todo caso, as economías galega e española continúan tendo un crecemento significativamente superior ao experimentado polo conxunto dos países da Unión Europea e da zona euro (1,4% e 1,2%, respectivamente), polo que se avanza no proceso de converxencia activa retomado coa recuperación económica.


Novo patrón de crecemento

Os datos do último trimestre apuntan cara un cambio no patrón de crecemento agredado do PIB da economía galega, que nos últimos 5 trimestres presenta tan só achegas positivas da demanda interna: ascende a 3,3, puntos no último trimestre, o máis elevado dende o terceiro trimestre do ano 2007. Entre os seus compoñentes cómpre salientar o impulso do gasto das familias (3,5% respecto ao ano anterior). Pola contra, a demanda externa detrae 1,3 puntos ao crecemento do PIB, o que contrasta ca achega positiva de sete décimas no conxunto de España.


Balanza comercial

O cadro macroeconómico reflicte que por terceiro trimestre consecutivo se contraen as exportacións e importacións. As vendas fora de Galicia caen un 8,6% e as compras ao exterior descenden un 6,6%. Encabezan a baixada nas exportacións o sector da automoción e o da enerxía.

No eido industrial o máis destacado é a contracción do sector industrial en xeral e o da industria manufactureira en particular que se retrae un 0,8% co respecto ao trimestre anterior. Os outros tres sectores: construción, servizos e o sector primario presentan unha ralentización no seu crecemento interanual. A construción mantense como o de maior crecemento, medra un 5,5%, dúas décimas menos que no trimestre anterior. O sector servizos medra un 2,8% fronte ao 3,7% do trimestre anterior e o sector primario crece un 0,2% (1,1% no mesmo período do ano anterior).


Mercado laboral

Canto o mercado laboral mantense unha tendencia razoablemente positiva, cunha evolución de caída do desemprego, especialmente significativo no caso do paro de longa duración. Os tres indicadores do emprego (EPA, afiliacións e emprego equivalente a tempo completo) presentan nos últimos catro anos e medio taxas de crecemento positivas e descenso do desemprego rexistrado.

A poboación ocupada medra no segundo trimestre un 2,1% e as afiliacións crecen un 1,9%. Doutra banda o paro descende un 19,8%, a baixada máis acusada dende o ano 2006.

Deste xeito, Galicia sitúase como a terceira Comunidade Autónoma con maior caída da súa poboación parada tras Navarra e Cantabria. Compre salientar que o número de asalariados medra tanto no caso dos temporais como indefinidos, sendo máis acusado no caso destes últimos(1400 e 9.400 persoas máis respectivamente). A taxa de temporalidade redúcese a un 26,7%, unha décima menos que no ano anterior.