Daniel Innerarity aposta pola “serenidade e os diagnósticos acertados para regular a Intelixencia Artificial” no Foro Económico de Galicia

Actualizado: hace 3 días
Data: 25/04/2025
Acto: XIV Reunión Anual do Foro Económico de Galicia
Lugar: Muxía
Fito: Na segunda xornada da súa Reunión Anual, debatiuse tamén sobre o reto da produtividade e a política arancelaria de Donald Trump Víctor Nogueira colle o relevo de Emilio Pérez Nieto na presidencia do Foro Económico de Galicia
A XIV Reunión Anual do Foro Económico de Galicia rematou en Muxía cun debate arredor da Intelixencia Artificial (IA), no que o filósofo e pensador Daniel Innerarity apostou pola “serenidade e os diagnósticos acertados para regular a Intelixencia Artificial en Europa”.
Innerarity, da Cátedra de IA e Democracia do Instituto Europeo de Florencia, e Amparo Alonso Betanzos, da Universidade da Coruña, foron os protagonistas da mesa ‘Acabará a Intelixencia Artificial coa democracia?’ coa que rematou o programa da reunión do Foro, que reuniu a 70 representantes dos ámbitos empresarial, académico e institucional no Parador de Muxía.
A segunda xornada abriuse coa intervención de Fernando González Laxe e José Francisco Armesto, que repasaron as posibles consecuencias para a economia galega da política arancelaria posta en marcha polo presidente dos Estados Unidos, Donald Trump.
Posteriormente, analizouse o reto da produtividade e a competitividade, nun debate que tamén tratou as consecuencias do absentismo e os trámites burocráticos e administrativos que deben afrontar en Galicia os proxectos empresariais.
A exposición central foi de Juan Francisco Jimeno Serrano, presidente do Consello da Produtividade de España, acompañado por María Cadaval Sampredo (USC); Edelmiro López Iglesias (USC); Víctor Nogueira García (Grupo Nogar), Artur Yuste i Tarragó (Grupo Cuevas), e Antón Costas Comesaña, presidente do Consello Económico e Social de España, que exerceu de moderador.
Balance
A Reunión Anual do Foro Económico de Galicia serviu de novo para reflexionar de forma pausada e cunha mirada a longo prazo sobre os temas que forman parte da axenda económica, política e mediática, como os servizos sanitarios; os fluxos migratorios; a política monetaria; os aranceis, a productividade, e a IA.
Por outra parte, Víctor Nogueira, do Grupo Nogar, colle o relevo na presidencia do Foro Económico de Galicia de Emilio Pérez Nieto, de Pérez Rumbao.
O director do Foro, Santiago Lago Peñas, destacou “o gran traballo de Emilio Pérez Nieto, que continuará como presidente de Honra e exerceu de guía para todos durante moitos anos”, amosando o seu convecemento “de que Víctor Nogueira continuará a súa senda para que o Foro Económico de Galicia siga medrando”.




Comentarios