Os expertos reunidos polo Foro Económico de Galicia preocupados pola escasa produtividade da economía

Actualizado: hace 3 días
Data: 04/04/2024
Acto: XIII Reunión Anual do Foro Económico de Galicia
Lugar: Muxía
Fito: Antonio Garamendi afirma que é necesario xestionar o teletraballo O sector audiovisual: invitado especial á XIII Reunión Anual
A XIII Reunión Anual do Foro Económico arrancou esta mañá en Muxía con máis de oitenta asistentes, empresarios, académicos e analistas reunidos cunha intensa axenda de traballo.
Emilio Pérez Nieto, presidente do Foro Económico de Galicia deu a benvida aos participantes e mostrouse asombrado pola dimensión acadada por este encontro anual e polo alto nivel dos relatores e as súas exposicións. O director do Foro, Santiago Lago Peñas indicou que a entidade ampliará o seu campo de análise e transferencia a temáticas de carácter nacional.
A primeira mesa abordou un dos asuntos que máis preocupa tanto a analistas como a empresarios: a escasa produtividade da economía española. Antonio Garamendi, presidente da CEOE mostrou a preocupación do empresariado polo alto nivel de absentismo laboral, de maneira particular no sector industrial. Tamén fixo referencia ao teletraballo, Garamendi recoñeceu que é unha boa ferramenta de flexibilización pero que é necesario xestionala para evitar efectos non desexados.
Raymond Torres, director de Conxuntura e Análise Internacional de Funcas, centrou a súa exposición no investimento como factor para o incremento da produtividade e asegurou que en España existe potencial de investimento que non está sendo utilizado.
A periodista Fenanda Tabarés foi a coordinadora e moderadora dunha mesa redonda dedicada ao sector audiovisual e o seu impacto económico. Na mesa participaron as produtoras Emma Lustres e Chelo Loureiro, o director Álvaro Gago e o director de contidos da CRTVG, Fernando Ojea. Os participantes defenderon o sector audiovisual como unha industria rendible e de proxección de futuro. Emma Lustres, afirmou que é un sector estratéxico, que xera beneficios.





Comentarios