Dinámica demográfica e cambio de paradigma. Novos escenarios de xestión social do envellecemento

Actualizado: hace 3 días
Data: 15/09/2020
Lugar: Santiago de Compostela
Hora: 10:30
As propostas dos expertos do Foro Económico de Galicia para reconducir os síntomas negativos que, desde hai xa décadas, presenta a curva demográfica galega articúlanse sobre catro eixos fundamentais.
O primeiro eixo consiste na dinamización económica. Os autores do traballo salientan que Galicia debe transitar cara unha economía industrial, dixital e verde que procure un crecemento dinámico, na liña dos proxectos tractores defendida polos membros do Foro que participaron na Comisión de Expertos económicos da Xunta de Galicia. De feito, a contribución ao desenvolvemento desta idea motora será unha das tarefas do equipo de expertos Galicia 2040 para os futuros meses.
En segundo lugar, recoméndase a potenciación dos servizos socio-sanitarios. Trátase de proporcionar coidados da mesma cualidade en todos os ámbitos, de levar adiante unha revolución acompasada no sector sanitario para acabar fusionando as súas prestacións coas sociais nunha área integrada.
En terceiro lugar, o estudo suxire o impulso e desenvolvemento da silver economy ou economía prateada. O informe salienta a necesidade de desenvolver bens e servizos relacionados coa economía vencellada á terceira idade; un ámbito no que está case todo por facer. Isto abre a porta á especialización de Galicia en áreas de alto valor engadido cun amplo mercado a nivel mundial e en ascenso. Servizos financeiros, domótica ou mobilidade das persoas maiores requiren -xa na actualidade- un investimento en I+D+i que pode converterse en pulo de crecemento e creación de emprego.
En derradeiro termo, os autores avogan por un reforzo das políticas en materia migratoria, deseñadas a partir dun diagnóstico que indica que o saldo migratorio amosa unha feble demografía de Galicia, con escaso crecemento pola vía da inmigración e unha elevada tendencia á saída dos autóctonos.
O informe foi presentado hoxe na sede do CES Galicia em Santiago de Compostela por dous dos seus coordinadires: a investigadora e profesora da USC, María Cadaval e o professor e tamén investigador da Universidade de Vigo, Xosé Carlos Arias. O equipo de coordinación está completado por Domingo Docampo e Francisco Armesto. Ademais, este documento contou coa colaboración de Rafael Abengoa, experto en saúde pública, María Xosé Rodríguez Galdo, catedrática de Historia Económica da USC e Melchor Fernández, profesor de la USC e Dolores Puga, investigadora do CSIC. Este estudo é o primeiro dunha serie de traballos que en adiante irá realizando e dando a coñecer o equipo “Galicia 2040”, que puxo recentemente en marcha o Foro Económico de Galicia.
Este grupo de traballo asume o reto de analizar co maior rigor posible as principais tendencias da economía e da sociedade galega, nunha ollada de longo prazo. Un reto que conta coa complicación engadida de realizarse nuns tempos altamente cambiantes e de fondas transformacións que dificultan a fiabilidade das predicións. Non obstante, o Foro Económico a través do equipo de traballo “Galicia 2040” prevé cando menos poder establecer escenarios posibles, partindo dun conxunto de fenómenos e tendencias de cambio que se veñen fraguando nos últimos anos, algunhas das cais cobran agora nova intensidade por mor da actual crise sanitaria.
“Galicia 2040” explorará progresivamente nos vindeiros anos seis eixos fundamentais de cambio: ademais do presentado hoxe sobre demografía, a continuidade e extensión da dixitalización masiva e os seus efectos sobre os sistemas produtivos e o emprego; a intensificación dos procesos de urbanización; a evolución dos retos medioambientais, a aparición de novos contextos xeoestratéxicos e a evolución posible das institucións públicas e privadas en Galicia.



Comentarios