Os expertos de ‘Galicia 2040’ buscan o equilibrio entre transición enerxética e os ecosistemas

Actualizado: hace 3 días
Data: 30/06/2023
Acto: Galicia 2040: A encrucillada ambiental nun escenario de transición
Lugar: Santiago de Compostela
Hora: 10:00
Do mesmo xeito que a maior parte dos territorios do planeta, Galicia enfróntase ao novo escenario que representa a transición enerxética e, nun sentido máis amplo, a transición ecolóxica. Compatibilizar a suficiencia enerxética, a seguridade alimentaria e o mantemento da funcionalidade dos ecosistemas mentres as condicións ambientais de contorno cambian de forma acelerada, constitúe un reto de dimensións extraordinarias que o grupo de traballo Galicia 2040 considera de reflexión estratéxica para a evolución económica de Galicia.
A xornada “Galicia 2040: A encrucillada ambiental nun escenario de transición”, que inaugurou esta mañá o director do Foro Económico, Santiago Lago, na sede do Consello Económico e Social, centrouse na análise deste proceso de transición coa perspectiva das condicións de partida propias de Galicia. Desde o grupo de traballo ‘Galicia 2040’, dirixido polos profesores Xosé Carlos Arias, María Cadaval e Domingo Docampo, consideran que o desempeño de Galicia no dominio ambiental será fortemente dependente da necesidade de xerar enerxía endóxena; é dicir, do proceso de transición enerxética.
A xornada iniciouse cunha presentación a cargo do coordinador da xornada, Emilio Fernández Suárez, da Universidade de Vigo, na que expuxo a súa visión sobre a forma na que se debe levar a cabo esta transición e sobre os necesarios equilibrios entre produción e ecoloxía: “a transición ecolóxica debe ser compatible co impulso á capacidade do territorio para producir bens e servizos, a transición ecolóxica ten que ser xusta”, resaltou Fernández Suárez.
A segunda intervención da mañá “Transición enerxética e sostenibilidade ambiental” foi presentada por Xaquín García, do Basque Centre for Climate Change (BC3).
Tralo primeiro debate interveu a profesora da Universidade de Coimbra Helena Freitas cun relatorio sobre a conservación da biodiversidade e á funcionalidade dos ecosistemas.
Na sesión de tarde está prevista a exposición por parte do profesor Alberto Gago Rodríguez, da Universidade de Vigo, e de Cristina Monge Parella, da Universidade de Zaragoza, do relatorio Transición xusta cara as sociedades e economías descarbonizadas.



Comentarios