Os expertos consideran que Galicia debe estar en posicións relevantes en TIC e non conformarse con ser integradores

Actualizado: hace 3 días
Data: 21/12/2021
Acto: A Galicia Dixital 2040
Lugar: Santiago de Compostela
Hora: 10:30
A pesar da velocidade e intensidade do proceso de transformación dixital, os expertos do Grupo 2040, -unha unidade de traballo investigador do Foro Económico de Galicia- consideran que Galicia pode e debe tirar partido das oportunidades que achega a dixitalización, xa que conta con vimbios abondo para reducir a fenda tecnolóxica. Galicia ten industria do hardware ben desenvolvida e con capacidade exportadora, ben situada nas tecnoloxías de mobilidade, un sector agrotecnolóxico maduro e dispón dunha banda larga avanzada, en comparación con outras rexións españolas e da UE. A Comunidade conta ademais con empresas tractoras e con universidades e centros tecnolóxicos implicados no proceso de dixitalización.
Advirten os expertos das tendencias que se poden albiscar: uso masivo da intelixencia artificial, cambios na computación, despregue da quinta xeración de tecnoloxías sen fíos (5G)... Todos son elementos que avisan dun importante incremento na dependencia dixital.
Os autores do estudo, Fernando Pérez González, Domingo Docampo, Xosé Carlos Arias, María Cadaval e José Francisco Armesto, aseguran que a Comunidade galega dispón dunha industria TIC forte é un dos mellores activos cos que un país pode contar para garantir o seu futuro. Galicia -aseguran- debe aspirar a figurar en posicións relevantes da cadea de valor TIC global e non conformarse con ser simplemente os que integran ou personalizan a tecnoloxía creada por outros.
Engaden os expertos que Galicia, como as demais Comunidades Autónomas vai dispor dun importante aporte de fondos do Next Generation EU. A xestión destes fondos adquire un papel crucial para a transformación do tecido produtivo. O informe define os deberes dos actores implicados para obter a máxima eficacia nesa xestión. En primeiro lugar, a Administración debe mellorar os seus procedementos organizativos, ao tempo que ten que exercer un papel impulsor na transición á economía dixital. En segundo lugar, o tecido empresarial e nomeadamente o sector TIC, debe adaptarse ao novo entorno dixitalizado e aproveitar as oportunidades existentes. Por último, o sistema universitario galego e os centros tecnolóxicos teñen a obriga de contribuír coa súa investigación e coa formación de persoal especializado en procesos de dixitalización .
O Grupo Galicia 2040 está formado por analistas e investigadores co obxectivo de trasladar á sociedade posibles escenarios de futuro nos cinco eixos fundamentais de cambio: a dixitalización, os procesos de urbanización, a demografía, os retos medioambientais e o contexto xeoestratéxico.




Comentarios