Ecoener, empresa pioneira no sector das renovables incorporase ao Foro Económico de Galicia

Actualizado: hace 3 días
Data: 26/05/2025
O Foro Económico de Galicia continúa no seu labor de crecemento e representatividade do gran tecido empresarial galego. Unha das principais empresas do sector das enerxías renovables, Ecoener, forma parte xa desta entidade. O seu presidente, Luis de Valdivia, pasa así a integrar o nutrido grupo de empresarios que configuran o Foro, un espazo de debate, reflexión e elaboración de propostas para promover o crecemento económico de Galicia.
“É unha honra sumarnos a este foro de colaboración e diálogo entre empresas galegas, co obxectivo común de impulsar o desenvolvemento de Galicia. Atopámonos nun momento especialmente positivo para a economía galega, que atravesa unha etapa de gran dinamismo. Galicia conta cun impresionante grupo de empresas con presenza internacional e cun elevado nivel de compromiso por parte dos seus profesionais. Ante os importantes desafíos que temos por diante, resulta fundamental seguir apostando pola excelencia e a rendibilidade como piares para fortalecer o noso tecido empresarial, obxectivo ao que este foro contribúe de maneira decisiva”, sinala Luis de Valdivia, presidente de Ecoener.
Ecoener é unha multinacional española enfocada desde hai máis de 35 anos ao desenvolvemento de enerxía renovable con activos eólicos, hidráulicos, fotovoltaicos e de almacenamento, que se integran perfectamente na paisaxe e que buscan xerar un impacto positivo nas comunidades nas que operan. Con sede na Coruña, ten presenza en 13 países de Europa, América e Asia a través dos seus proxectos en operación e construción e as oficinas de desenvolvemento de negocio.



Comentarios