Numerosos persoeiros da vida pública galega homenaxean a Fernando González Laxe convocados polo Foro Económico de Galicia

Actualizado: hace 3 días
Data: 11/12/2024
Acto: Homenaxe a D. Fernando González Laxe
Lugar: Santiago de Compostela
Hora: 10:30
Destacados persoeiros da vida pública galega reuníronse esta mañá, convidados polo Foro Económico de Galicia, para render unha homenaxe a Fernando González Laxe, recentemente xubilado como catedrático de Economía Aplicada da Universidade da Coruña.
O acto tivo lugar no Salón Nobre de Fonseca, da Universidade de Santiago de Compostela, no mesmo lugar onde González Laxe tomou posesión como presidente da Xunta de Galicia en 1987.
Diante de máis dun cento de asistentes, inaugurou o evento o reitor da Universidade de Santiago de Compostela, Antonio López, salientando o acerto de “crear o sistema universitario que temos hoxe”. Despois da apertura do reitor interviñeron representantes do mundo político galego, como o ex presidente da Xunta de Galicia Emilio Pérez Touriño, do ámbito económico e empresarial, como José Manuel González-Páramo, ex conselleiro do Banco Central Europeo; Emilio Pérez Nieto, presidente do Foro Económico de Galicia e presidente de honra de Pérez Rumbao, e tamén nomes propios do eido académico, como a catedrática María Xosé Rodríguez Galdo e director do Foro Económico, Santiago Lago. A profesora da USC María Cadaval foi a moderadora do acto.
Entre os asistentes, numerosos compañeiros de profesión e tamén altos cargos, como os conselleiros de Facenda, Miguel Corgos, e de Emprego, José González, o delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco, o secretario xeral do PSdG, José Ramón Gómez Besteiro e o delegado da Zona Franca, David Regades. Todos eles salientaron a figura transcendental de Fernando González Laxe como político, xestor público e pola súas carreira como docente e investigador. O ex presidente Emilio Pérez Touriño afirmou que “Falar de Laxe é falar de Galicia, engrandeceu a política que une; a que serve para transformar”.
O presidente do Foro Económico de Galicia, Emilio Pérez Nieto, fixo fincapé no percorrido de Laxe , que “reflicte unha vida adicada ao servizo público, o pensamento crítico e a construción dun país mellor”.
Na mesma liña, o director do Foro, Santiago Lago, salientou a obriga de “celebrar aos nosos, ás persoas importantes do país. Laxe é un dos grandes referentes que temos”.
Para José Manuel González-Páramo “aquí péchase o circulo para unha persoa de pensamento, pero tamén de acción”, e lembrou varios artigos de opinión do homenaxeado.
Compañeira de estudos e traballo, María Xosé Rodríguez Galdo fixo unha lembranza de Laxe como “corredor de fondo” que soubo combinar “talento, perseveranza e sensibilidade”.
O homenaxeado pechou o acto agradecendo emocionado o recoñecemento e confesou que o acto foi un momento de ledicia. Eloxiou o papel do Foro Económico de Galicia como plataforma de coñecemento e salientou que os informes de conxuntura socioeconómica que se publican cada tres meses son xa de ”lectura obrigada”.
Fernando González Laxe fixo alusións a situación política actual insistindo en que “os Gobernos de coalición que funcionen son posibles”.
Unha vida adicada ao servizo público
Nado na Coruña hai 72 anos, González Laxe doutorouse en Ciencias Económicas coa cualificación de sobresaliente cum laude en 1982 e desde 1992 é catedrático de Economía Aplicada da UDC. Foi profesor de Política Económica, Estrutura Económica Mundial, Economía de España, e Contorna Económica na Universidade da Coruña. Foi recoñecido pola súa importante achega á investigación sobre economía marítima, pesqueira e portuaria.
Esta especialización levoulle a dirixir o Instituto de Estudos Marítimos da UDC, (2002-2009) e a ocupar un posto como membro do Campus do Mar, da Universidade de Vigo (UVigo). Tamén é vicepresidente da Sociedade Española de Avaliación de Políticas Públicas.
É autor de máis dunha vintena de publicacións, entre elas: Estrutura Económica de Galicia, Desafíos Económicos de Galicia, Homo Oeconomicus maturus; Xeo Estratexia Portuaria, e Orde e Economía Mundial.
O profesor González Laxe foi director da Revista Galicia en Clave Económica e, dende a súa creación en 2002, editor da Revista Atlantic Review of Economics.
Forma parte do comité executivo do Foro Económico de Galicia e trimestralmente coordena o Informe de Conxuntura Socioeconómica de Galicia, un documento de referencia sobre a evolución do crecemento da economía galega.
Presidente da Xunta de Galicia
Na súa vertente política, González Laxe iniciou a súa militancia no PSdG-PSOE en 1978. En 1982, tras a vitoria socialista nas eleccións xerais, González Laxe foi nomeado director xeral de Ordenación Pesqueira do Ministerio, ademais de representante español na Conferencia Mundial da FAO sobre a pesca e no II Congreso Latinoamericano de Pesca. Desde o seu posto no ministerio foi o responsable das negociacións pesqueiras de España coa Comunidade Económica Europea.
En 1985 presentouse como candidato do PSdG-PSOE á presidencia da Xunta de Galicia. As eleccións foron gañadas por Coalición Popular, o que permitiu formar goberno ao popular Gerardo Fernández Albor. En 1987 González Laxe presentou unha moción de censura contra o goberno de Fernández Albor co apoio de Coalición Galega e do Partido Nacionalista Galego. A moción triunfou e González Laxe formou un goberno tripartito (28 de setembro de 1987). En 1988 ocupou a presidencia do PSdeG-PSOE.
Candidato á reelección en 1989, obtivo acta de deputado autonómico, cos mellores resultados do PSdeG-PSOE na historia de Galicia (28 escanos), un resultado sen embargo insuficiente para revalidar a presidencia, cargo que ocupou ata o 2 de febreiro de 1990.
Foi deputado na cámara galega ata o ano 1993. No ano 2000 abandonou tamén o escano no Senado e deixou a primeira liña política. En abril de 2009 foi nomeado presidente do Organismo Público Portos do Estado, cargo no que cesou en xaneiro de 2012.
Desde entón afastouse da política e centrou o seu tempo e esforzos no traballo académico e docente.
É cabaleiro da Orde de Isabel a Católica e posúe a Medalla de Ouro da cidade da Coruña e a Medalla de Ouro de Galicia.






Comentarios