Seminario Galicia 2040

Actualizado: hace 3 días
Data: 11/09/2020
Lugar: Galicia
Coa creación do grupo de traballo Galicia 2040, o Foro Económico de Galicia asume o reto de analizar, coas meirandes doses posíbeis de rigor, as principias tendencias que cabe adiviñar para economía e a sociedade galega, nunha perspectiva de longo prazo. Algo que non será doado, tendo en conta que vivimos tempos de profundas e disruptivas transformacións, unha grande transición sociotécnica para a cal dúas décadas semellan un tempo demasiado longo para que se podan facer predicións fiables. Con todo, sí é posible establecer algúns escenarios partindo dun conxunto de fenómenos e tendencias de cambio que se veñen fraguando nos últimos anos, algunhas das cales parecen cobrar nova intensidade tras a actual crise sanitaria. No conxunto de mutacións que a economía e a sociedade do mundo desenvolvido experimentarán nos próximos vinte anos, cabe albiscar cinco eixos fundamentais de cambio, os cales Galicia 2040 explorará progresivamente nos próximos anos: a presenza dunhas tendencias demográficas moi adversas; a continuidade e extensión da dixitalización masiva e os seus efectos sobre os sistemas produtivos e o emprego; a intensificación dos procesos de urbanización; a evolución dos retos medioambientais; e a aparición de novos contextos xeoestratéxicos, con dúbidas importantes sobre cal será o papel que nos novos equilibrios ocupará Europa. Engadiríamos un sexto eixo, verbo dunha cuestión que en termos xerais poderíamos chamar tendencias do capitalismo en Galicia, e dicir, a evolución posíbel das súas institucións públicas e privadas. No conxunto de documentos que se irán redactando nos próximos anos intentarase respostar a unha pléiade de preguntas moi concretas, algunhas tan importantes como as seguintes: Corrixiranse as tendencias á desigualdade? Cal será o impacto da mellora tecnolóxica da medicina na saúde da nosa poboación? Si a educación é a chave do futuro, corrixiranse as actuais eivas nese campo? Continuará a alta dependencia enerxética ou aflorarán novas fontes de enerxía? Cal é a perspectiva do crecemento económico? Seremos capaces de superar as tendencias a un relativo estancamento económico que agora se albiscan para o conxunto do mundo desenvolvido? Galicia será quen de completar os ciclos produtivos en moitos sectores agora deficientes na xeración de valor engadido? Como serán as empresas galegas en 2040? Cal será o peso dos niveis de goberno subcentrais? Cales serán os novos equilibrios entre o ámbito público é o privado?




Comentarios