A agricultura ecolóxica galega avanza cara aos obxectivos do Pacto Verde europeo

Actualizado: hace 3 días
Data: 20/04/2023
Acto: Documento 37: O futuro da Agricultura ecolóxica galega no marco do Pacto Verde Europeo
Lugar: Santiago de Compostela
Hora: 11:30
O sector ecolóxico en Europa ten mudado de xeito substancial nas últimas décadas, pasando de ser un sector marxinal a presentarse como unha alternativa real para a produción agroalimentaria, que pode e debe xogar un papel crecente nos próximos anos. Este cambio tamén é constatable en Galicia. Porén, os expertos reunidos polo Foro Económico de Galicia para realizar este informe sobre “O futuro da Agricultura Ecolóxica galega no marco do Pacto Verde europeo” consideran que queda camiño por percorrer para acadar os obxectivos definidos pola UE no Pacto Verde e na Estratexia “da granxa á mesa”.
O informe, elaborado polos profesores Mª do Mar Pérez Fra, David Soto Fernández e Ibán Vázquez González, da Universidade de Santiago de Compostela, aborda tres cuestións fundamentais para entender a situación actual e definir as perspectivas do sector: en primeiro lugar, o papel que -de acordo coa UE- deberá xogar a agricultura ecolóxica nos vindeiros anos; en segundo lugar, as políticas públicas, no marco da Política Agraria Común, especificamente deseñadas para o apoio á produción agraria ecolóxica e, por último, a evolución e realidade actual da agricultura certificada en ecolóxico en Galicia. Neste último punto o informe fai especial referencia ás producións gandeiras, e particularmente ao bovino de carne e leite, polo seu peso no agro galego.
Entre as principais conclusións do informe salientan que en Galicia se deu nos últimos anos un importante incremento da superficie certificada en AE (Agricultura Ecolóxica), pero, ao igual que sucede tamén en España e no conxunto da UE, as cifras están aínda lonxe de acadar os obxectivos establecidos no Pacto Verde europeo.
Existe un desequilibrio na superficie certificada, moi centrada nas producións animais e cun peso relevante dos pastos pobres. Neste sentido, os analistas recomendan orientar as políticas públicas ao fomento de explotacións que camiñen cara a unha orientación agroecolóxica e a conseguir unha oferta máis diversificada, que permita satisfacer unha parte significativa da demanda a través de canais curtas. A mellora da organización da oferta e distribución dos produtos ecolóxicos, o estímulo da demanda e o impulso da formación e o asesoramento técnico dos produtores e produtoras son outros aspectos chave para o desenvolvemento futuro do sector.
No caso do leite destacan duas cuestións principais. En primeiro lugar, a existencia dunha parte das explotacións que, polo modelo produtivo adoptado, corren o risco de abandonar a produción ecolóxica nun contexto cambiante dos prezos dos insumos e do leite e dun deterioro do diferencial de prezos leite ecolóxico/leite convencional. En segundo lugar, constatan que, aínda que a produción de leite ecolóxico de Galicia é maioritaria no contexto español, a oferta non é quen de atender a demanda española, que se cubre en máis do 50% con importacións. Un dato, este último, que mostra as oportunidades existentes cara ao futuro.
Por último o informe evidencia a necesidade de dispor de máis análises sobre a dinámica recente e a realidade actual do sector. Non existe unha diagnose global e, polo tanto, faltan elementos que permitan definir tanto as potencialidades como as barreiras que poden estar dificultando o seu desenvolvemento e consolidación.





Comentarios