Crise xeracional no agro galego: só o 3,5% das explotacións teñen ao fronte a menores de 35 anos

Actualizado: hace 3 días
Data: 27/06/2024
Acto: VIII Reunión Casal de Armán
Lugar: CES Galicia (Santiago de Compostela)
Hora: 09:30
Nas catro últimas décadas a poboación ocupada no sector agrario experimentou en Galicia unha intensa caída, ata quedar reducida a unhas 50.000 persoas. Esta diminución veu acompañada dun crecente envellecemento. Como resultado, das explotacións contabilizadas polo Censo Agrario de 2020, só o 3,5% teñen á súa fronte unha persoa menor de 35 anos, mentres que o 72% dos xefes de explotación teñen 55 ou máis anos de idade.
Estes datos poñen de manifesto a existencia dun importante problema de relevo xeracional no sector. Un problema que é xeral na agricultura española e europea, pero que acada en Galicia unha especial gravidade. A situación afecta en maior medida ás pequenas explotacións, pero tamén a unha porcentaxe importante das de mediana e grande dimensión, nas que o titular ten 55 ou máis anos e non conta con relevo familiar asegurado. A transcendencia do problema pode ser abordada dende distintos puntos de vista. Dende o eido económico o relevo xeracional é imprescindible para garantir a actividade agraria e a produción de alimentos. Dende a perspectiva social, o relevo é, tamén, determinante para o futuro do tecido social nas áreas rurais. Tratase, amais, dunha actividade que contribúe á xestión do territorio e ao uso da terra nas diferentes zonas da xeografía galega. Tamén é relevante dende a perspectiva ambiental, porque permite a conservación e a xestión dos recursos naturais , a paisaxe e a biodiversidade.
Máis de vinte expertos en economía e desenvolvemento rural participaron hoxe na VIII Reunión Casal de Armán, que tivo lugar na sede do CES (Consello Económico Social), en Santiago de Compostela. O acto foi inaugurado polo presidente do Foro Económico de Galicia, Emilio Pérez Nieto e polo director da entidade, Santiago Lago. Os profesores da Universidade de Santiago de Compostela, Edelmiro López Iglesias e Francisco Ónega López foron os encargados de realizar o diagnóstico inicial sobre a situación e perspectivas do relevo xeracional no sector agrario galego. De seguido, o subdirector xeral de Planificación de Extensión Agraria, da Conselleria do Medio Rural, Juan M. Mártinez Barral, e Nicasio Mejuto Martí, subdirector xeral de Explotacións Agrarias, explicaron os mecanismos de apoio existentes desde a administración pública para facer fronte ao problema.
Na mesa adicada á análise dos condicionantes e elementos chave para o relevo xeracional participaron José Manuel Andrade, da Fundación Juana de Vega, quen insistiu nas oportunidades existentes nas principais producións agrarias de Galicia e as posibilidades que ofrecen os programas de apoio ao empredemento no sector. Os aspectos sociais e culturais foron abordados por Rocío Toxo Asorei, da Universidade de Santiago de Compostela. Desde a perspectiva da educación, Luis García, da Escola de Formación Agraria (EFA) Fonteboa, resaltou a importancia da capacitación, o asesoramento e a tutorización, amais da necesidade de garantir unha relación directa co sistema de ensino.
Nieves Pérez, en representación do Proxecto Terractiva foi a encargada de expoñer as políticas e mecanismos existentes para o acceso á terra, mentres que Jose Manuel Vilariño Orgeira, coordenador de negocio institucional da provincia da Coruña de Abanca, expuxo as diferentes vías de financiamento.
A última parte da xornada estivo adicada a dar voz ás experiencias concretas de relevo xeracional e incorporación de persoas mozas en explotacións agrarias. Nesta mesa puideronse escoitar os casos de Antón Chaín Murado, adicado ao Vacún de leite na Pastoriza, Tania Rancaño Arruñada, sobre o vacún de carne na Fonsagrada, Marcos Nogueiras Rodríguez, de producións vexetais de Vilar de Santos, Yolanda Gómez Rodríguez, cabrún de carne, de Becerreá, e Ignacio Bellas Castro, de Produción mixta (froiteiras, viveiro, ovino, mel) de San Sadurniño.





Comentarios