Expertos académicos, empresarios e asociacións analizan os desafíos do sector cárnico

Actualizado: hace 3 días
Data: 08/06/2023
Acto: VII Reunión Casal de Armán
Lugar: Ribadavia (Ourense)
Hora: 09:45
A reunión anual Casal de Arman converteuse nun foro de referencia para a análise das problemáticas e desafíos do sector primario na nosa Comunidade. O Foro Económico de Galicia organiza esta sétima edición centrada nos retos do sector cárnico, tanto na súa dimensión nacional, como autonómica.
Grandes empresas, cooperativistas, representantes de asociacións, pequenos produtores, Administración e investigadores… Un total de case 40 especialistas reunidos nunha intensa xornada de mañá e tarde, con catro mesas de traballo para abordar desde todas as perspectivas as distintas realidades e problemáticas dun sector primordial, tanto polo volume de facturación coma de emprego, así como pola súa tarefa reguladora do territorio.
O encontro foi inaugurado polo presidente do Foro Económico de Galicia, Emilio Pérez Nieto, quen deu a benvida aos participantes e agradeceu a José Manuel Andrade Calvo e Alfonso Ribas Álvarez -da Fundación Juana de Vega- a súa labor como coordinadores da xornada.
O relatorio de apertura, “Estratexia de dinamización do sector cárnico de Galicia 2022-2030. Contexto xeral e principais medidas e accións”, foi presentado polo director da Fundación, José Manuel Andrade. Na súa intervención, Andrade lembrou a condición de sector estratéxico para a Comunidade Autónoma, que representa un 34% da produción final agraria de Galicia, con 1.200 millóns de euros de valor en gando, un sector que xestiona case o 50% da superficie agraria de Galicia, conformado por unhas 43.000 explotacións cárnicas.
Ademais, Andrade resaltou o papel fundamental que este sector -principalmente o vacún- desenvolve na xestión da paisaxe e preservación do territorio, así como xoga un rol salientable na prevención dos incendios forestais.
Finalmente, para resaltar o seu papel esencial na economía galega, Andrade apuntou que o sector cárnico está conformado por 192 industrias e que facturou no ano 2020, 1.400 millóns de euros.
Tras este primeiro relatorio de contexto xeral, a segunda mesa da mañá abordou os “Retos e perspectivas de futuro do sector cárnico”, participaron nesta mesa Tomás Rodríguez, da Interprofesional do ovino e caprino (Interovic), Alberto Herránz, da Organización Interprofesional Agroalimentaria do Porcino de Capa Branca (Interporc) e Javier López, da Organización Interprofesional de Carne de Vacún (Provacuno).
A última mesa da mañá centrouse na produción galega, con distintos actores do sector, tanto de empresas como entidades de representación sectoriais. Interviñeron neste caso Emilio Rial (Coren), José Manuel Núñez Torre (Torre de Núñez), José Ramón González (Unións Agrarias), Pablo Meijomín Hidalgo (Fegapor) e Jesús González Vázquez (Tenreira Galega).
A sesión da tarde abordou un subsector non menos importante: a produción de razas autóctonas e as pequenas producións, os problemas aos que se enfrontan na actualidade así como os desafíos do futuro. Nesta mesa interviron Iván Rodríguez Paz (Asoporcel), Laura Arias González (Acruga), José Ramón Xusto Feijóo (Boaga), Amaia Santamarta (Ovica) e Isabel Casariego Vierna (Puraga).



Comentarios