A contribución da Economía Social en Galicia sitúase en torno ao 7% do PIB. O sector cooperativo aporta o 4,5 % do PIB e garante unha facturación de 2.500 millóns de euros

Actualizado: hace 3 días
Data: 23/06/2021
Lugar: Santiago de Compostela
Hora: 10:00
Os expertos do Foro Económico de Galicia constatan a necesidade de poñer en valor a importancia da Economía Social en Galicia. A Economía Social vai máis alo da mera maximización de beneficios, xa que establece unha serie de principios no seu funcionamento: solidariedade, a non discriminación e a democracia nos procesos de xestión e control, ocupando as persoas o eixo central da súa actividade.
Asemade, os expertos destacan o papel que pode desempeñar a Economía Social para mitigar os efectos económicos e sociais que provocou o COVID-19. E, ao mesmo tempo, para acadar os Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS) das Nacións Unidas. Tamén se sinala a necesidade de establecer actuacións claras e ben definidas no eido da Economía Social ante o actual escenario económico post-COVID-19.
Os beneficios esperados da actuación das entidades da Economía Social merecen especial consideración, sobre a base da forte implicación co territorio no que se desenvolve, con importantes economías positivas na xeración de riqueza e emprego. Asemade, a Economía Social posibilita o reinvestimento dos beneficios xerados no territorio onde se desenvolve, permitindo un proceso de retroalimentación da iniciativa.
A Economía Social posibilita a supervivencia de actividades en risco de desaparición, algo de especial transcendencia na nosa comunidade autónoma en todo o relacionado co medio rural, que por falta de oportunidades e polo escaso atractivo para a poboación de menor idade, está sendo abandonado. Sen embargo, este coñecemento non pode quedar limitado a unha enumeración de vantaxes e accións potenciais. Para elo, debe proseguirse na mellora do empoderamento da Economía Social e a súa visibilidade para a sociedade, así coma no recoñecemento das oportunidades de mellora xeradas por este tipo de actividade.
Sen dúbida, a gran adaptabilidade deste sector, que resistiu con éxito as últimas crises económicas, incluíndo a actual asociada á COVID-19, converte a Economía Social nunha aposta de futuro por un espazo onde cada vez é máis necesario promover o autoemprego e camiñar cara a un novo paradigma económico que combine crecemento e sustentabilidade, na liña dos compromisos contraídos no cumprimento dos ODS.
Recomendacións dos expertos
Os autores deste traballo recomendan poñer en marcha unha serie de medidas, entre as que cabe salientar as seguintes:
Reforzo das liñas dirixidas á incorporación de persoas socias traballadoras, para contrarrestar a tendencia á atomización da propiedade no marco das microcooperativas, situación que se da especialmente na nosa Comunidade Autónoma.
Establecemento de liñas de axuda para os procesos de concentración de sociedades, e en particular a creación de cooperativas de segundo grao, tendo en conta da importancia do tamaño para a mellora da competitividade das organizacións.
Deseñar liñas específicas de apoio á internacionalización das entidades da Economía Social. Tanto nesta recomendación coma na anterior, os fondos europeos no marco financeiro plurianual 2021-2027 e dos fondos de recuperación, están chamados a desenvolver un papel fundamental que garanta o soporte financeiro necesario para a consolidación dunha Economía Social viable e sostible.
Contar cunha batería de boas prácticas ilustrativa das accións de Economía Social, nomeadamente das entidades máis representativas. Asemade cómpre valorar a incorporación do ámbito de Economía Social aos estudos universitarios en Galicia.
Visibilizar os principios, valores e forma de funcionamento das entidades de Economía Social para poder facer destas entidades unha vía de emprendemento especialmente axeitado ás expectativas e oportunidades das novas xeracións e un medio de desenvolvemento profesional para as mulleres.
Proceder a unha correcta cuantificación e valorización da actividade das entidades de Economía Social en Galicia.
Mellorar o papel das entidades representativas do sector como axentes interlocutores nos procesos de deseño das liñas de fomento e apoio.



Comentarios