top of page

O Foro Económico celebra “a boa marcha da economía galega” e advirte “da dificultade de manter esta tendencia se non solucionamos a grave crise demográfica”

Foto del escritor: Alejandro Domínguez Lamela
Alejandro Domínguez Lamela
15 jul
2 min de lectura

Actualizado: hace 3 días

Data: 15/07/2026

Acto: Presentación do Anuario 2026

Lugar: A Coruña

Hora: 10:30

Fito: O Foro Económico celebra “a boa marcha da economía galega” e advirte “da dificultade de manter esta tendencia se non solucionamos a grave crise demográfica”

O Foro Económico de Galicia destacou hoxe “a boa marcha da economía galega, cunha tendencia ascendente desde o ano 2000 grazas en moi boa parte á fortaleza das nosas empresas familiares e das exportacións”.

“Pero temos que poñer a mirada no futuro e será complicado manter este crecemento se Galicia non soluciona a súa crise demográfica”, asegurou Santiago Lago Peñas, director do Foro Económico de Galicia, na presentación do seu Anuario 2026.

Nesta ocasión, o protagonista do Anuario é Arcadi España, ministro de Facenda, que interviu no acto xunto a Inés Rey, alcaldesa da Coruña; Víctor Nogueira, presidente do Foro Económico de Galicia; Francisco Botas, conselleiro delegado de Abanca; Santiago Lago, e José Luis Gómez, editor do Anuario.

Arcadi España considera que “a reforma do financiamento autonómico representa unha oportunidade histórica para actualizar un modelo conxelado desde 2014, insuficiente para responder ás necesidades actuais”.

O ministro fixo un chamamento “á negociación e o diálogo coas comunidades autonómas para chegar a un acordo”, lembrando que “a proposta do Goberno aumenta os recursos en 20.975 millóns de euros para 2027, garantiza que ningunha comunidade perda financiamento e aposta por unha distribución máis xusta, baseada na poboación real, a cohesión territorial, a autonomía fiscal e a igualdade de acceso aos servizos públicos”.

Francisco Botas fixo referencia “á importancia da xeopolítica na economía actual” e puxo en valor “a solidez do sector financeiro, garantizando que o financiamento chegue ás empresas e particulares”, mentres que Inés Rey, alcaldesa da Coruña, lembrou a importancia “de abordar tamén o sistema de financiamento das corporacións locais”.

Víctor Nogueira, presidente do Foro, falou dos desafíos que a economía galega ten por diante, “entre os que se atopan a necesidade de consolidar o diferencial positivo de crecemento respecto á Eurozona; navegar con intelixencia a tormenta arancelaria internacional, e superar a anomalía histórica dunha prórroga orzamentaria estatal por terceiro ano consecutivo”.

“Tamén debemos avanzar na reforma do financiamento autonómico e afrontar con determinación o reto de reducir o absentismo laboral socialmente non desexable, apoiándonos no diálogo social que Galicia ten hoxe en marcha e que é unha excepción no mapa autonómico”, manifestou Nogueira.

José Luis Gómez, editor do Anuario, apuntou pola súa parte que “este Anuario, xa na súa décima edición, é unha invitación a pensar; a reflexionar sobre onde estamos, hacia onde imos e que decisións debemos tomar para afrontar un tempo marcado pola incertidume”.

“Vivimos nunha época singular, na que conviven o crecemento económico e as dúbidas estratéxicas; os avances tecnolóxicos e as tensións xeopolíticas; a prosperidade dalgúns sectores e as preocupacións por cuestións tan básicas como o acceso á vivenda ou a calidade do emprego”, engadiu Gómez.

O editor do Anuario repasou os seus contidos, con traballos e artigos sobre a fractura da economía mundial, o desafío institucional, a intelixencia artificial, a vivenda ou o papel das universidades.

O Foro Económico celebra “a boa marcha da economía galega” e advirte “da dificultade de manter esta tendencia se non solucionamos a grave crise demográfica”
O Foro Económico celebra “a boa marcha da economía galega” e advirte “da dificultade de manter esta tendencia se non solucionamos a grave crise demográfica”

Comentarios


bottom of page