A economía galega mantivo “a súa resiliencia e bo comportamento” no 2025 e “afronta 2026 coa incertidume do conflito bélico”

Actualizado: hace 3 días
Data: 31/03/2026
Acto: Informe de Conxuntura Socioeconómica I/2026
Lugar: Santiago de Compostela
Hora: 11:00
A economía galega pechou o ano 2025 cun crecemento do 2,6%, dúas décimas menos que España, fronte ao 1,5% da Unión Europea, segundo os datos recollidos no Informe de Conxuntura Socioeconómica do Foro Económico de Galicia.
“A economía galega tivo un ano bo, cun crecemento lixeiramente por debaixo do rexistrado no 2024 pero mostrando resiliencia”, asegurou Santiago Lago, director do Foro Económico de Galicia, que presentou os datos do informe xunto a Patricio Sánchez, subdirector do Foro, e José Francisco Armesto.
Santiago Lago advertiu que “Galicia é unha sociedade demográficamente estancada, somos os mesmos que no ano 2000 e a media de idade pasou de 42 a 48 anos, uns datos que dificultan o bo comportamento da demanda interna e o consumo, pero a economía galega medra pola importancia relativa que segue a ter o sector exterior, as nosas exportacións”.
Xa facendo referencia ao 2026, o director do Foro adiantou “unha boa inercia da economía galega en xaneiro e febreiro, pero o escenario mudou en marzo e dependendo da duración do conflito bélico o impacto será maior ou menor, tanto en inflación como en actividade económica”.
Por sectores
José Francisco Armesto explicou que “todos os sectores produtivos da economía galega medraron nos últimos meses do 2025 e as exportacións manteñen a súa estabilidade”. “Os sectores textil e da automoción concentraron o ano pasado o 45% das nosas exportacións, e a pesca o 10%”, engadiu.
Desde un punto de vista da oferta, Armesto destacou “o bo comportamento en Galicia da construción, que medrou máis dun 7% o ano pasado, e do sector primario (medrou un 1,3%, fronte ao 0,5% do conxunto do Estado)”.
Mercado de traballo
Patricio Sánchez repasou pola súa parte a o comportamento do mercado de traballo, “tamén cunha evolución positiva, xa que subiron as taxas de actividade e as taxas de ocupación, mentres que baixou o desemprego e a temporalidade”.
“Por indicadores vemos as luces e tamén algunha sombra: a poboación ocupada medrou máis de dous puntos no 2025; as afiliacións á Seguridade Social e os postos de traballo equivalentes mostraron un comportamento semellante ao do ano 2004, pero o indicador de horas traballadas rexistrou un descenso con respecto ao ano anterior”, rematou.




Comentarios