A economía galega mantén “un crecemento sostido”, cun ritmo inferior ao da economía española e “unha suave tendencia á desaceleración”

Actualizado: hace 3 días
Data: 06/10/2026
Acto: Informe de Conxuntura Socioeconómica III/2026
Lugar: Santiago de Compostela
Hora: 10:30
A economía galega mantivo “o seu ritmo de crecemento sostido” no segundo trimestre do ano 2026, “cunha suave tendencia á desaceleración” e un ritmo “superior ao da UE pero inferior ao da economía española”.
“A economía galega pechará o ano 2026 no entorno do 2,5%”, asegurou esta mañá Santiago Lago, director do Foro Económico de Galicia, na presentación do Informe de Conxuntura Socioeconómica correspondente ao segundo trimestre de 2026 na Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais da USC, xunto a Fernando González Laxe, José Francisco Armesto e Lucía Ferreira, xerente do Foro.
Lago engadiu que “hai problemas a escala internacional que ameazan esta boa marcha e danan o benestar social, como a continua tensión xeopolítica e a inflación, que rexistra un mal comportamento en capítulos básicos como a enerxía, os carburantes e a construción”.
Fernando González Laxe, coordinador do informe de conxuntura, incidiu nesta idea de que “o panorama económico mundial afectou á economía galega no segundo trimestre”.
“Destaco catro aspectos que afectaron á nosa economía: A tensión xeopolítica, que provoca a aceleración da inflación e afecta á cadea de subministros; a subida dos tipos por parte do BCE e da Reserva Federal; os movementos nos mercados financeiros, sobre todo cos problemas da débeda soberana, e, aínda que resulte paradóxico, a fortaleza do investimento privado”, afirmou González Laxe.
“Galicia mantén un crecemento sostido desde hai seis anos, superior ao da UE pero menor ao da economía española, cunha contracción no segundo trimestre deste 2026 da demanda interna (gasto, investimentos e consumo), da demanda exterior (exportacións) e de sectores como a construción e os servizos”, asegurou.
Polo que respecta ao mercado laboral, “rexistrouse unha ralentización no ritmo de creación de emprego e nas taxas da ocupación en Galicia”, explicou na rolda desta mañá José Francisco Armesto.
Dentro dos aspectos positivos da evolución do mercado laboral no segundo trimestre, Armesto apuntou “a creación de emprego indefinido e a redución da taxa do desemprego en Galicia”.




Comentarios