top of page

O Foro Económico de Galicia destaca que “a economía galega encadena cinco anos de crecemento” e prevé que “o faga de novo por enriba do 2% neste 2026”

Foto del escritor: Alejandro Domínguez Lamela
Alejandro Domínguez Lamela
1 jul
2 min de lectura

Actualizado: hace 3 días

Data: 01/07/2026

Acto: Informe de Conxuntura Socioeconómica II/2026

Lugar: Santiago de Compostela

Hora: 10:00

A economía galega mantivo un “bo ritmo de crecemento” no primeiro trimestre do ano 2026 a pesares da tensión xeopolítica e o conflito bélico en Irán, segundo recolle o Informe trimestral de conxuntura socioeconómica do Foro Económico de Galicia.

“Semella que nada nos frena, nin os conflitos bélicos, nin a tensión política, os aranceis e outros factores conxunturais; a economía galega sigue medrando por enriba do 2%”, afirmou o director do Foro, Santiago Lago.

“Somos unha das rexións que máis medran na Unión Europea, por debaixo lixeiramente da media española, e se non pasa algo moi excepcional pecharemos o ano 2026 cun crecemento por enriba do 2% en Galicia”, engadiu.

A pesares desta boa marcha, Santiago Lago demandou “máis ambición e máis acordos políticos para facer reformas estruturais a longo prazo no sistema fiscal, o financiamento autonómico ou o funcionamento das administracións públicas”.

Na presentación do informe, elaborado por Fernando González Laxe, Patricio Sánchez Fernández, Santiago Lago Peñas e José Francisco Armesto Pina, González Laxe lembrou que “Galicia encadena cinco anos de crecemento continuo, o que reflicte xa unha consistencia da nosa economía”.

“No primeiro trimestre deste ano a economía creceu un 2,4%, nesta ocasión máis pola demanda interna que polas exportacións; e dicir, máis polo gasto dos fogares e das administracións”, asegurou González Laxe, que destacou “a importancia que teñen os fondos Next Generation para explicar a situación actual e o dinamismo de sectores como a construción”.

Á hora de falar dos desafíos que ten por diante a economía galega, Laxe incidiu “na crise demográfica, que é moi grave, xa que Galicia ten os mesmos habitantes que hai 70 anos”.

Con respecto aos sectores máis exportadores da economía galega, González Laxe puxo en valor “ademais do textil e automoción, o protagonismo da pesca e as conservas galegas”.

Mercado de traballo

José Francisco Armesto Pina repasou pola súa parte a evolución do mercado de traballo no primeiro trimestre de 2026, “que mantén a súa tendencia global positiva”.

Dunha banda, mellora significativamente a taxa de actividade e ocupación, aumentando a calidade de emprego atendendo á redución da temporalidade.

Doutra banda, os catro indicadores da ocupación considerados (poboación ocupada, afiliacións, postos de traballo equivalente e horas traballadas) presentan taxas de crecemento superiores ás estimadas no ano anterior. Non obstante, o positivo incremento da poboación activa explica a lixeira subida da taxa de paro no primeiro trimestre.

O Foro Económico de Galicia destaca que “a economía galega encadena cinco anos de crecemento” e prevé que “o faga de novo por enriba do 2% neste 2026”

Comentarios


bottom of page