A economía galega acelera o seu dinamismo

Actualizado: hace 3 días
Data: 03/07/2024
Acto: Informe de Conxuntura Socioeconómica II/2024
Lugar: Santiago de Compostela
Hora: 10:30
A diferenza do que acontece na meirande parte dos países do noso entorno, a economía galega acelera de xeito significativo o seu dinamismo no primeiro trimestre do ano ao presentar unha medra intertrimestral do 1,3%, seis décimas por riba da media española, e un punto superior á do conxunto de países da zona euro. En termos anuais, o PIB medra en Galicia un 2%, catro décimas inferior á media española, sendo esta porcentaxe novamente superior á estimada para o conxunto da Unión Europea (0,5%), que se ve lastrada pola contracción da economía alemá.
Este crecemento equilibrado do PIB real está baseado nunha achega positiva da demanda externa de 1,1 punto fronte ás nove décimas da demanda interna, o contrario do que acontece na economía española, onde o PIB medra polo incremento de dous puntos na demanda interna fronte a só dúas décimas na demanda externa. Entre os motivos que xustifican este comportamento salienta a debilidade do consumo privado, cunha medra interanual do 0,4% fronte ao 2,4% estimado en España; así como a contracción do investimento, que se reduce un 1,3% en Galicia fronte á medra interanual do 1,8% en España. No concernente á demanda externa, ralentízase o incremento das vendas fóra de Galicia.
Estas son algunhas das grandes cifras que amosa o Informe de Conxuntura Socioeconómica do Foro Económico de Galicia, correspondente ao primeiro trimestre do ano, presentado hoxe en Compostela polos seus autores: Santiago Lago, Patricio Sánchez, Francisco J. Armesto e baixo a coordinación de Fernando González Laxe.
Dende o punto de vista da oferta, a economía galega presenta unha acusada contracción no sector primario, cunha redución do 4,6%, fronte á medra do 0,4% no Estado. A industria no seu conxunto, impulsada polo sector enerxético e a industria extractiva, é o sector máis dinámico en Galicia (3,2%), se ben é importante salientar a preocupante evolución da industria manufactureira cuxo valor engadido bruto (veb) medra un 0,6% (3,3% en España). Xunto a devandita debilidade do crecemento da industria manufactureira compre insistir novamente na súa baixa produtividade relativa, que se sitúa no 72,1% da media española en termos de PTETC e no 73,6% en termos de horas traballadas, que son, con carácter xeral, as porcentaxes máis reducidas dende o ano 2008 (79,1% e 80%, respectivamente).
O mercado de traballo galego presenta un balance positivo. Volve a mellorar a participación das persoas no mercado laboral e na ocupación, reducíndose tanto a taxa de desemprego como a taxa da temporalidade, que pode ser un indicador da mellora da calidade de emprego. Os catro indicadores da ocupación presentan tamén unha mellor evolución que no ano anterior. A poboación ocupada aumenta en Galicia un 2,2% fronte ao 1,9% das afiliacións rexistradas, en tanto que as contas económicas amosan unha medra do 1,7% dos postos de traballo equivalente a tempo completo e do 1,5% no caso das horas traballadas. A diferencia do que acontece en Galicia, en España tan só as horas traballadas presentan un incremento interanual inferior ao crecemento do PIB. Con todo, estes datos teñen de ser matizados novamente tendo en conta que Galicia se mantén entre as CC.AA. con menores taxas de actividade e ocupación, e que rexistra un menor dinamismo na creación de emprego que o conxunto do Estado.
No que ao perfil do emprego creado reflectido pola EPA se refire, o emprego feminino presenta esta vez un maior dinamismo. Malia que no que atinxe ao desemprego, as taxas de paro reflicten que este segue a afectar en maior medida ás mulleres, persoas menores de 25 anos, estranxeiros e con estudios primarios.



Comentarios