top of page

A economía galega amosa un forte dinamismo fronte á media da UE

Foto del escritor: Alejandro Domínguez Lamela
Alejandro Domínguez Lamela
9 ene 2025
3 min de lectura

Actualizado: hace 3 días

Data: 09/01/2025

Acto: Informe de Conxuntura Socioeconómica IV/2024

Lugar: Santiago de Compostela

Hora: 10:30

Tanto a economía galega como a española presentan no último trimestre de 2024 un maior dinamismo que o conxunto de países da UE e da zona euro, ao medrar no terceiro trimestre de 2024 un 0,8% respecto ao trimestre anterior, o dobre do experimentado no ámbito europeo. En termos anuais, o PIB medra en Galicia un 2,8%, cinco décimas inferior á media española, sendo esta porcentaxe novamente superior á estimada para o conxunto da Unión Europea (1%). Cómpre mencionar que Alemaña, a principal economía europea, presenta por quinto trimestre consecutivo unha contracción da súa actividade.

Estes datos representan algunhas das conclusións do Informe de Conxuntura Socioeconómica presentado está mañá na sede de Abanca, en Santiago de Compostela. Un traballo realizado polos expertos do Foro Económico de Galicia, Santiago Lago, Patricio Sánchez, José Francisco Armesto, baixo a coordinación de Fernando González Laxe.

O informe indica que Galicia presenta un crecemento do PIB real máis equilibrado que en España ou na Unión Europea. A demanda externa achega 1,6 puntos fronte a 1,2 puntos no caso da demanda interna, o que contrasta coa economía española, onde a demanda interna contribúe con 2,8 puntos. O cadro macroeconómico galego reflicte a caída do gasto en consumo privado por segundo trimestre consecutivo, o que contrasta coa medra importante en España, manténdose o gasto público como a compoñente de maior dinamismo, ao mesmo tempo que aumenta o investimento. No concernente á demanda externa as exportacións increméntanse un 4,3%, tres puntos por riba do estimado para as importacións (1,3%).

Dende o punto de vista da oferta, a construción sitúase como o sector de maior crecemento en Galicia, cun 3,5%, dúas décimas máis que o estimado para a industria e os servizos, o que contrasta coa contracción rexistrada no sector primario (-2,8%). Asemade, destaca o crecemento do 4,2% da industria manufactureira en contraposición coa caída estimada no trimestre anterior. O diferencial de crecemento da economía española ven explicado polo mellor comportamento de todos os sectores agás na construción, sendo especialmente significativa a desigual evolución no sector primario (medra un 8,3% en España).

O mercado do traballo

O maior dinamismo da actividade económica no terceiro trimestre do ano non se traslada na mesma intensidade ao mercado de traballo, quen presenta unha significativa ralentización nos catro indicadores da ocupación: poboación ocupada, afiliacións, postos de traballo equivalentes a tempo completo e horas traballadas.

En termos agregados, o comportamiento do emprego é positivo. Aumenta lixeiramente tanto a participación das persoas no mercado laboral como na ocupación, situándose a taxa de paro por baixo do 9% por primeira vez dende o ano 2008.

Tamén mellora a calidade do emprego atendendo á redución da temporalidade. Con todo, estes datos teñen que ser matizados tendo en conta que Galicia se mantén entre as CC.AA. con menores taxas de actividade e ocupación, e que a Comunidade amosa menor dinamismo na creación de emprego que o conxunto do Estado.

O informe constata un crecemento da poboación activa no terceiro trimestre do ano (0,8%), provocada en maior medida polo incremento da actividade entre as mulleres, con 7.900 persoas activas máis que no mesmo período do ano precedente (1,3%), o que contrasta co descenso experimentado no trimestre anterior.

Os datos recollidos da EPA amosan un balance positivo do mercado laboral galego, que estaría determinado polo feito de que todo o emprego creado é emprego indefinido e no sector privado. Asemade, cómpre resaltar que a creación de emprego prodúcese maioritariamente entre as mulleres, ainda que no que ao desemprego se refire, as taxas de paro amosan que o desemprego segue a afectar en maior medida ás mulleres e as persoas menores de 25 anos, estranxeiros e con estudos primarios.

Comentarios


bottom of page