top of page

A economía galega crece por riba da media europea e mantén o seu dinamismo en 2025

Foto del escritor: Alejandro Domínguez Lamela
Alejandro Domínguez Lamela
7 oct 2025
2 min de lectura

Actualizado: hace 3 días

Data: 07/10/2025

Acto: Informe de Conxuntura Socioeconómica III/2025

Lugar: Facultade de CCEE - Santiago de Compostela

Hora: 11:00

A economía galega continúa a destacar polo seu notable dinamismo, segundo o Informe de Conxuntura Socioeconómica elaborado polo Foro Económico de Galicia, presentado esta mañá polos seus autores, Santiago Lago, Patricio Sánchez e Francisco José Armesto, baixo a coordinación de Fernando González Laxe.

No segundo trimestre de 2025, o PIB galego medrou un 2,5% respecto ao ano anterior, unha cifra que supera amplamente a media da Unión Europea (1,6%) e da zona euro (1,5%).

O crecemento de Galicia amósase equilibrado, cunha achega positiva tanto da demanda interna (2,2 puntos) como da externa (0,3 puntos). Destaca tamén o forte incremento do investimento (4,8%), mentres o consumo público e privado medran un 1,7%.

No ámbito exterior, Galicia mantén unha cota do 7,9% das exportacións estatais, o nivel máis alto nun primeiro semestre da última década. En Galicia o comercio exterior perde dinamismo ao reducirse as exportacións e as importacións ao contrario do que acontece a nivel estatal.

A UE concentra o 69% das vendas, con Francia, Portugal e Italia como principais destinos, e Turquía ascendendo ao cuarto posto.

Segundo os analistas, “estes datos reflicten a capacidade da economía galega para manter un crecemento sostido e diversificado, apoiado nunha base empresarial cada vez máis internacionalizada”.

No primeiro semestre do ano, 2.692 empresas galegas exportaron regularmente, un 0,9% máis que en 2024, concentrando o 98,1% do valor total das exportacións da comunidade.

O sector da construción e a industria manufactureira impulsan o crecemento do PIB, mentres o mercado laboral amosa melloras na calidade do emprego e na participación feminina.

O Informe do Foro Económico de Galicia sinala que o crecemento do PIB galego (2,5%) no segundo trimestre de 2025 se sustenta no bo comportamento da construción (+6,6%), da industria (+2,4%) —especialmente da manufactureira (+5,1%)— e dos servizos (+2,7%).

Mercado laboral

No mercado laboral, Galicia presenta un balance positivo, cunha maior participación no mercado de traballo, incremento da ocupación e redución da taxa de desemprego. A poboación activa medrou un 1,3%, impulsada polo aumento da participación feminina (+3,2%) e polo crecemento entre persoas con estudos superiores e maiores de 55 anos.

A ocupación acada o seu máximo histórico, con 1.165.500 persoas empregadas e 1.093.800 afiliacións á Seguridade Social, o que supón un aumento do 2,6% e 1,7%, respectivamente. O emprego creado é integramente indefinido, situando Galicia como a cuarta comunidade con menor taxa de temporalidade.

O paro redúcese nun 11,4%, ata as 106.100 persoas, o nivel máis baixo da serie histórica. A taxa de desemprego sitúase no 8,3%, cunha mellora especialmente notable no paro feminino, que baixa ao 8% e queda por debaixo da taxa masculina (8,7%). Tamén destaca o forte descenso do paro de longa duración (-20,6%).

Os expertos do Foro Económico de Galicia subliñan que “estes datos confirman unha recuperación sólida, sostida e máis inclusiva, con melloras tanto na calidade do emprego como na participación das mulleres no mercado laboral”.

Comentarios


bottom of page