top of page

A economía galega experimenta unha desaceleración pero mantén cifras positivas en perspectiva europea

Foto del escritor: Alejandro Domínguez Lamela
Alejandro Domínguez Lamela
1 abr 2024
3 min de lectura

Actualizado: hace 3 días

Data: 01/04/2024

Acto: Informe de Conxuntura Socioeconómica I/2024

Lugar: Santiago de Compostela

Hora: 11:00

En liña co conxunto dos países da nosa contorna, a ralentización do ritmo de crecemento caracteriza a evolución da economía galega. Porén, acredita taxas de variación interanuais superiores ás dos principais socios comerciais galegos, agás Portugal. En concreto, a medra interanual sitúase no 1,8%, sete décimas inferior á media española, e cattro décimas con respecto á UE. A ese respecto compre salientar a contracción do 0,3% da principal economía europea, Alemaña.

Esta é unha das grandes cifras que amosa o Informe de Conxuntura Socioeconómica do Foro Económico de Galicia presentado hoxe en Compostela polos seus autores: Santiago Lago, Patricio Sánchez, Francisco J. Armesto e baixo a coordinación de Fernando González Laxe.

Entre as principais economías da zona euro, España presenta as maiores taxas de crecemento interanual, cun 2,2%, o que contrasta coa contracción experimentada en Alemaña. Asemade, cómpre resaltar que a actividade económica en Galicia medra por riba do experimentado polos principais socios comerciais agás Portugal (2,3%).

O crecemento do PIB real en Galicia caracterízase por unha achega positiva da demanda externa -dun punto fronte aos oito décimas da demanda interna- o que contrasta co acontecido na economía española, cunha contribución superior da demanda interna (1,7 puntos). Esta menor contribución explica o devandito diferencial de crecemento respecto da economía española, salientando a significativa ralentización do consumo privado, cunha medra interanual do 0,5%, catro puntos menos que no ano anterior, fronte ao 1,8% estimado en España, así́ como a maior contracción do investimento, que diminúe un 0,7% en Galicia fronte á caída do 0,5% en España. No que atinxe á demanda externa, aumentan as vendas fóra de Galicia, cunha medra do 1,5%, o que contrasta coa contracción do 0,3% no caso das importacións.

Dende o punto de vista da oferta, Galicia presenta unha importante desaceleración do sector terciario, se ben mantense como o sector coa taxa de crecemento interanual máis elevada: 2,3%, oito décimas menos que en España. Cómpre salientar o crecemento da industria manufactureira e da construción, cunha medra do 1,7% e 0,8%, respectivamente. Ao igual que en España, o sector primario presenta unha contracción aínda que desta volta menos acusada que na media española (-0,9% e -2%, respectivamente).

Un dos principais problemas da economía galega segue a ser a produtividade relativa do tecido produtivo galego en relación á media de España. A fenda máis ampla prodúcese na industria manufactureira. Por contra, o sector da construción presenta unha produtividade superior á media estatal, tanto en termos de PTETC como en termos de horas traballadas (1,3% e 8,1%, respectivamente); en tanto que no sector servizos a produtividade é superior se se mide en termos de PTETC (3,3%).

O mercado de traballo galego presenta un balance positivo. Melloran as taxas de actividade e de emprego, reducíndose tanto a taxa de desemprego como a taxa da temporalidade, o cal adoita ser un indicador da mellora da calidade de emprego. Con todo, estes datos han ser matizados novamente tendo en conta que Galicia se mantén entre as CC.AA. con menores taxas de actividade e ocupación. A poboación ocupada medra un 2,3% (grazas a poboación estranxeira) seis décimas por riba do estimado en 2022, e os postos de traballo equivalente un 2%. Doutra banda, as afiliacións medran un 1,8% e as horas traballadas, un 1,6% fronte ao 2,1% e 1,7% rexistrados no ano precedente.

No perfil do emprego novo salientan as mulleres e os estranxeiros non comunitarios. A meirande parte do emprego creado é emprego asalariado, diminuíndo, pola contra, o número de persoas empresarias empregadoras. Por último, todo o emprego creado é indefinido, salientando ao mesmo tempo o maior dinamismo do emprego a tempo parcial que a tempo completo. No que ao desemprego se refire, as taxas reflicten que afecta en maior medida ás mulleres, persoas menores de 25 anos, estranxeiros e cidadáns con estudos primarios.

A economía galega experimenta unha desaceleración pero mantén cifras positivas en perspectiva europea

Comentarios


bottom of page