top of page

A economía galega frea a súa actividade económica

Foto del escritor: Alejandro Domínguez Lamela
Alejandro Domínguez Lamela
24 ene 2023
3 min de lectura

Actualizado: hace 3 días

Data: 24/01/2023

Acto: Informe de Conxuntura Socioeconómica IV/2022

Lugar: Santiago de Compostela

Hora: 10:30

A actividade económica galega presenta no terceiro trimestre do ano unha significativa ralentización do seu ritmo de crecemento. Esta tendencia prodúcese nun contexto internacional marcado pola incerteza, o mantemento das tensións xeopolíticas, a inflación e o incremento das taxas de xuro. O PIB galego medra un 2,5% respecto ao ano anterior, case dous puntos menos que no conxunto do Estado (4,4%). Esta é a principal conclusión do Informe de Conxuntura Socioeconómica do terceiro trimestre do 2022, presentado hoxe en Compostela.

O informe elabórase trimestralmente polos expertos do Foro Económico de Galicia, Patricio Sánchez, Santiago Lago, José Francisco Armesto e a coordinación do economista Fernando González Laxe.

En termos intertrimestrais, as principais economías europeas presentan taxas positivas de crecemento, sendo cero en Galicia. A Comunidade Autónoma mantense tan só tres décimas por baixo do nivel precrise, situándose este diferencial en 1,4 puntos no conxunto do Estado, o que contrasta co acontecido no conxunto da UE e da zona euro que xa o tiñan superado.

Este crecemento do PIB explícase pola achega positiva da demanda externa (4,6 puntos), o que contrasta coa demanda interna, que detrae 2,1 puntos. A economía de España presenta un crecemento máis equilibrado, sendo a achega positiva da demanda externa de 3,5 puntos e de 0,9 puntos no caso da demanda interna.

Os diferentes agregados recollidos no cadro macroeconómico presentan unha peor evolución que no conxunto do Estado, o que explica o devandito diferencial de crecemento. Dunha banda, o gasto en consumo final, tanto público como privado, contráese en Galicia fronte ao incremento do gasto total final e privado en España, sendo a caída do gasto público significativamente superior. En Galicia o gasto dos fogares contráese un 1,2% fronte ao 6,7% do público.

No caso do investimento, este aumenta en Galicia un 0,5%, o que supón dous puntos menos que en España. Canto ao sector exterior, o dinamismo exportador reflíctese nunha medra do 8,1% en Galicia fronte ao 18,8% en España, permanecendo practicamente constante as importacións (medran un 9% no Estado).

O crecemento do PIB en Galicia explícase polo comportamento da construción e -en menor medida- pola actividade do sector servizos. Pola contra contráese a actividade produtiva no sector primario e industrial. Comparado co cadro macroeconómico da economía española, as principais ramas de actividade presentan en España un mellor comportamento, destacando o crecemento industrial en contraposición á caída rexistrada no caso galego.

O mercado do traballo tamén amosa unha moderación no seu dinamismo. A creación de emprego centrouse nas mulleres, no sector da construción, asalariados do sector privado e persoas con estudos superiores e idades comprendidas entre os 45/54 anos.

O emprego baixa na industria e no sector primario, nos autónomos e asalariados públicos e entre persoas con estudos secundarios e idades entre os 35 e 45 anos. E preciso salientar que a creación de emprego é maior en España e que Galicia mantense entre as CC.AA. con taxas de ocupación máis reducidas.

Segundo o Índice de Competividade Rexional (ICERG) elaborado polo Consejo General de Economistas, Galicia presenta unha medra da competitividade do 5,7% en relación á estimación do ano anterior, situada en 8,13. Os distintos indicadores seleccionados na elaboración deste índice están agrupados en sete eixos competitivos (entorno económico, mercado de traballo, capital humano, entorno institucional, infraestruturas básicas, eficiencia empresarial e innovación). Galicia mantense nun noveno posto en relación ao resto das CC.AA.

Comentarios


bottom of page