A economía galega presenta un crecemento anual do PIB en termos reais do 3,1%

Actualizado: hace 3 días
Data: 20/03/2018
Lugar: Santiago de Compostela
Hora: 10:30
Por segundo ano consecutivo, a economía galega presenta un crecemento anual do PIB en termos reais do 3,1%, encadeando nove trimestres consecutivos con incrementos iguais ou superiores ao 3%.
A economía de Galicia presenta un crecemento equilibrado, ao presentar tanto a demanda interna como externa unha achega positiva ao crecemento agregado do PIB. A demanda interna segue constituíndo o principal motor de crecemento, cunha contribución positiva de 1,7 puntos porcentuais, 1,1 puntos inferior á do conxunto do Estado. Este diferencial explícase polo feito de que dos distintos compoñentes da demanda interna, tan só o gasto en consumo final das administracións públicas medra riba do estimado en España. O aspecto máis positivo do ano 2017 en Galicia é o impulso do investimento, cunha medra do 3,2% (5% no Estado), destacando as taxas superiores ao 4% no segundo semestre do ano. Por contra, ralentízase o gasto das familias, ao rexistrar unha medra interanual do 1,3%, sete décimas menos que no ano anterior (2,4% en España).
A demanda externa en Galicia aporta 1,4 puntos ao crecemento do PIB, unha décima máis que no ano anterior, cando en España a súa contribución é de tan só tres décimas. Respecto ás relacións comerciais con terceiros países, o saldo positivo da balanza de pagos supera os 4.500 millóns de euros. Ademais de insistir na acusada concentración xeográfica e sectorial, cómpre resaltar a tendencia crecente do peso das exportacións do téxtil-confección, que representa xa o 27,5% das exportacións galegas, e a caída do peso do sector do automóbil, que supoñen só o 16,4%. O investimento directo estranxeiro en Galicia presenta unha redución do 21% nos nove primeiros meses do ano (-3,1% en España) para situarse nos 90,5 millóns de euros, o 0,6% do total estatal.
Dende o punto de vista da oferta, o aspecto máis destacado é o crecemento do valor engadido bruto xerado en todas as ramas de actividade. A pesar da súa ralentización, as actividades de comercio, transporte e hostalería volven a ser as que presentan o maior crecemento, cun 6,3%. Esta evolución incide na ralentización do crecemento do sector servizos no seu conxunto. No extremo oposto, o sector primario, ao igual que a construción e a industria manufactureira presentan un comportamento máis positivo que no ano anterior. Cómpre destacar a evolución da industria manufactureira, que no conxunto do ano medra un 4,2%, e que no derradeiro trimestre do ano sitúase como a actividade de maior dinamismo, cunha medra do 6%.
Segundo o información fornecida polo Índice de Competitividade Rexional (ICREG) do Consejo General de Economistas, Galicia presenta dende o ano 2008 un nivel de competitividade inferior á media estatal, situándose en 2016 no 93,4%, porcentaxe inferior ao estimado para o período 2008-2010. En relación ao resto das CC.AA., Galicia atópase nunha posición intermedia-baixa, situándose no posto décimo entre 2012 e 2016.
Atendendo aos eixos de competitividade do ICREG, o entorno institucional mantén un nivel competitivo alto. No extremo oposto, o entorno empresarial mantén un nivel baixo e o correspondente ao capital humano e infraestruturas básicas, baixo ou medio-baixo.
A recuperación económica iniciada en 2014 reflíctese nun bo comportamento dos grandes agregados do mercado de traballo atendendo á evolución da ocupación, tanto se se mide en termos de EPA (1,2%), postos de traballo equivalente (1,8%) ou de afiliacións (2,1%), como na redución do desemprego estimado e rexistrado no servizo público de emprego (-9,2% e -8,5%, respectivamente). A devandita recuperación económica non foi quen de frear a perda de poboación en Galicia, sendo especial intensa no caso da poboación activa con idades comprendidas entre 25 e 34 anos, con descensos continuados dende o ano 2008. Asemade, a taxa de temporalidade segue aumentando (27% no último ano), e comparado coa media española, Galicia non só presenta unha peor evolución en termos de ocupación e desemprego, senón tamén presenta unha das taxas de actividade e ocupación máis reducidas. Entre os aspectos positivos, hai que resaltar o incremento do emprego nas actividades da industria manufactureira, así como a redución do desemprego de longa duración en máis de 13.500 persoas, se ben aínda representa o 50,2% do paro total.
Galicia caracterízase polo seu elevado minifundismo empresarial, que ademais é superior á media europea e as principais CC.AA. Isto incide negativamente en aspectos tan importantes como a baixa produtividade, especialmente no sector manufactureiro, ou no baixo nivel de investimento privado en I+D. O 96,4% das empresas galegas considéranse microempresas (0-9 asalariados), 1,6 puntos por riba da media estatal, situándose esta porcentaxe no 92,8% no conxunto da UE-28 (82,4% en Alemaña). No caso das empresas manufactureiras, o 87,1% das empresas teñen menos de dez asalariados, sendo esta porcentaxe do 75,7% no caso do País Vasco, e lixeiramente superior ao 80% en Navarra ou Cataluña. Na UE esta porcentaxe é do 82,7%, reducíndose ata o 64,1% en Alemanía.



Comentarios