A economía galega ralentiza o seu crecemento

Actualizado: hace 3 días
Data: 13/10/2022
Acto: Informe de Conxuntura Socioeconómica III/2022
Lugar: Santiago de Compostela
Hora: 10:30
Nun contexto de elevado grao de incerteza e o mantemento de tensións inflacionistas a economía galega modera o seu crecemento no terceiro trimestre do ano, que se sitúa no 4,4%, sete décimas menos que nos trimestres anteriores. Un crecemento impulsado, en gran medida pola demanda externa, é unha das primeiras conclusións do Informe de Conxuntura Socioeconómica do Foro Económico de Galicia no que participan os economistas, Patricio Sánchez Fernández, Santiago Lago Peñas, José Francisco Armesto Piña e Fernando González Laxe, coordinador do estudo.
Esta ralentización, estimada tamén para o conxunto da UE-27 e da zona euro, contrasta cun maior dinamismo da economía española (6,8%). Porén, Galicia atópase preto de acadar seu nivel precrise (a cinco décimas), estando a economía española máis rezagada en comparación coa media europea que xa o acadaran.
En canto a demanda interna no último trimestre se racha a tendencia negativa do investimento, así como a contracción do gasto en consumo final das Administracións Públicas por terceiro trimestre consecutivo e a moderación do gasto privado. No caso das compras no exterior volven a reducirse as compras fóra de Galicia.
En canto á oferta o crecemento do PIB en Galicia explícase polo comportamento de sector servizos: comercio, transporte e hostalería, mantendo tamén a industria manufactureira taxas positivas de crecemento. Pola contra, hai que salientar a contracción experimentada polo sector primario, mentres a actividade da construción permanece estable.
A ralentización da actividade económica trasládase o mercado de traballo que se caracteriza por unha moderación da ocupación no segundo trimestre do ano. A creación de emprego concentrouse basicamente no sector servizos, nos asalariados do sector privado e nas persoas con estudos superiores. Pola contra o emprego reduciuse na construción e no sector primario,). Ao igual que en informes anteriores cómpre insistir en que Galicia mantense entre as CC:AA, con taxas de actividade e ocupación máis reducidas e con menor intensidade de emprego en comparación co rexistrado en España.
En canto a evolución do desemprego, tras un descenso da poboación parada rexistrada no último trimestre, a taxa de paro redúcese ata o 11,2%, que a sitúa nunha posición intermedia respecto ao resto das comunidades autónomas (12,5% en España).
O desemprego segue a afectar en maior medida ao desemprego feminino que ao masculino sendo as persoas menores de 25 anos, estranxeiros e con estudos primarios os colectivos máis afectados.
Nesta edición do Informe de Conxuntura Socioeconómica engade un análise sobre a competitividade fiscal dado o seu impacto sobre as actividades empresariais e sobre o uso e custe dos recursos. Os datos correspondentes aos anos 2021 e 2022 (elaborado este último no mes de setembro antes das últimas reformas aprobadas polas diferentes CC.AA) manteñen a Madrid, Biscaia, Álava e Guipuzcua como as rexións cunha mellor posición, sendo as menos competitivas Cataluña, a Comunidade Valenciana e Aragón. Galicia e Navarra son as que presentan unha mellor evolución relativa situándose na oitava e undécima posición.



Comentarios