top of page

A economía galega ralentiza o seu ritmo de crecemento

Foto del escritor: Alejandro Domínguez Lamela
Alejandro Domínguez Lamela
3 nov 2023
3 min de lectura

Actualizado: hace 3 días

Data: 03/11/2023

Acto: Informe de Conxuntura Socioeconómica III/2023

Lugar: Consorcio Zona Franca de Vigo

Hora: 10:30

En liña co conxunto dos países da UE no segundo trimestre do ano, a economía galega continúa a ralentización do seu ritmo de crecemento. Entre abril e xuño de 2023 o PIB galego medrou un 1,5% respecto ao mesmo período do ano anterior, fronte ao 0,4% na UE.

Esta é unha das grandes cifras que amosa o Informe de Conxuntura Socioeconómica do Foro Económico de Galicia presentado hoxe polos autores, Santiago Lago, Patricio Sanchéz, Francisco J. Armesto e baixo a coordinación de Fernando González Laxe. A presentación contou ca presenza de Ana María Mejías e tivo lugar esta mañá na sede da Zona Franca de Vigo.

Entre as principais economías da zona euro, España presenta as maiores taxas de crecemento interanual, cun 2,2%, o que contrasta coa contracción experimentada en Alemaña. Asemade, cómpre resaltar que a actividade económica en Galicia medra por riba do experimentado polos principais socios comerciais agás Portugal (2,3%).

O crecemento do PIB real en Galicia caracterízase por unha achega positiva tanto da demanda interna como externa, o que contrasta coa economía española onde a demanda externa detrae unha décima ao crecemento. Neste senso, o diferencial de crecemento coa economía española ven dado pola contribución da demanda interna (2,8 puntos), e máis concretamente polo gasto en consumo final, onde o consumo privado medra un 2,7% en España fronte á contracción estimada en Galicia (0,5%). Cómpre salientar o dinamismo do investimento (medra un 2,4%), o único compoñente que presenta un mellor comportamento que a media española (1%).

Dende o punto de vista da oferta, a economía española crece polo mellor comportamento do sector servizos e da industria manufactureira. En Galicia o sector da construción é o que presenta a taxa de variación interanual máis elevada, cun 3,6%, case punto e medio máis que en España (2,2%). O sector industrial galego no seu conxunto, impulsado polas actividades do sector enerxético e as industrias extractivas, presenta un incremento interanual do 1,8%, sete décimas por riba do estimado para a economía española, o que contrasta coa evolución da industria manufactureira, que medra un 1,6% en Galicia (2,3% en España). Por último, salienta a maior contracción do sector primario no conxunto do Estado, cunha caída do 1,9% fronte a 0,4% en Galicia.

Unha vez máis cómpre resaltar a menor produtividade relativa do tecido produtivo galego en relación á media española, sendo especialmente grave no caso da industria manufactureira: un 5,9% por baixo da media española. Por contra, tan só o sector primario presenta unha produtividade superior á media española.

Mercado laboral

A pesar da devandita ralentización no ritmo de crecemento do PIB, o mercado de traballo galego presenta datos agregados positivos atendendo á mellora tanto da participación das persoas no mercado laboral como na ocupación e a mellora da calidade de emprego, a redución da taxa de paro ou o descenso do número de fogares onde todos os seus activos están en situación de desemprego. Con todo, estes datos teñen que ser matizados tendo en conta tanto que Galicia se mantén entre as CC.AA. con menores taxas de actividade, como por presentar un menor dinamismo na creación de emprego que o conxunto do Estado.

Segundo os datos recollidos na EPA, todo o emprego creado é emprego indefinido, fundamentalmente no sector privado e no sector servizos. A pesar do descenso do número de mulleres ocupadas por conta propia, medran as empresarias sen persoas asalariadas, en tanto que entre os homes descende o número de autónomos e aumenta o de empresarios con asalariados. No que ao desemprego se refire, malia o descenso experimentado (14,1% fronte ao 5,4% en España) as taxas de paro reflicten que este afecta en maior medida ás mulleres, persoas menores de 25 anos, estranxeiros e con estudios primarios. Por último, mención especial require un novo incremento da poboación activa de 25-34 anos.

Os portos como variable de crecemento

Neste Informe de Conxuntura Socioeconómica os autores adican un apartado especial ao papel dos portos galegos, salientan os expertos que na actualidade estes están concibidos como nodos específicos que desenvolven funcións de captación e aglutinamento de mercadorías, servizos e actividades e, ao mesmo tempo, promoven unha maior conectividade modal e territorial. Así mesmo, desde os portos estimúlase a inserción nas cadeas globais de subministración, configurando uns novos espazos económicos. Os portos da fachada atlántica nor-occidental ibérica amosan unha notable asimetría no que atinxe á súa especialización produtiva. Tamén, son moi diferentes as súas taxas de crecemento, o que proba unha disímil capacidade de resiliencia. Por iso é polo que as ratios de inserción, conectividade, rendibilidade e efectos de arrastre dos desenvolvementos portuarios sexan distintas entre as Autoridades Portuarias analizadas. Consecuencia diso é a diversidade no que atinxe ás estratexias dos seis portos estudados, rexistrando escasos niveis de colaboración e de integración.

A economía galega ralentiza o seu ritmo de crecemento
A economía galega ralentiza o seu ritmo de crecemento

Comentarios


bottom of page