A economía galega responde mellor que a do conxunto de España ás consecuencias da Covid-19

Actualizado: hace 3 días
Data: 30/06/2021
Lugar: Santiago de Compostela
Hora: 10:30
A saúde da economía galega no primeiro trimestre deste ano sufriu o impacto dos rebrotes producidos despois das vacacións do nadal e, en menor medida, do impacto da tormenta Filomena.
A contracción da economía da nosa Comunidade deste primeiro trimestre é dun -2,9% con respecto ao ano anterior, un dato que segue sendo de menor intensidade que no conxunto do Estado (-4,3%) pero por riba da media da Unión Europea que só baixa un -1,8%.
O mellor comportamento da economía galega con respecto ao Estado explícase pola baixada da demanda interna (-3,1 puntos) e unha lixeira suba da externa (0,2 puntos). Pola contra, o gasto en consumo das administracións públicas presenta unha medra interanual do 3,3%.
No conxunto dos grandes sectores produtivos, Galicia tamén presenta un mellor comportamento que o do conxunto de España, agás o sector primario (-3,1% fronte ao crecemento do 3,7% en España). A construción é o sector que rexistra a maior caída interanual, tanto en Galicia como en España.
Son as principais conclusións do Informe de Conxuntura Socioeconómica elaborado polos expertos do Foro Económico de Galicia baixo a coordinación do economista Fernando González Laxe: Santiago Lago, José Francisco Armesto e Patricio Sánchez e que foi presentado esta mañá en Santiago de Compostela.
A contracción económica trasládase ao mercado laboral, que segue presentando unha destrución de emprego de menor intensidade que a caída do PIB. Os expedientes de Regulación Temporal de Emprego son o mecanismo de protección dos traballadores por conta allea. A 31 de marzo un total de 34.759 persoas estaban acollidas a un ERTE, un 4,7% do total estatal. Mentres que o número de empresas afectadas é de 12.378, un 6,9% do total. Cabe salientar que a diferenza co acontecido nos trimestres anteriores, o axuste no emprego foi máis intenso entre homes que entre as mulleres. Asemade, a poboación ocupada redúcese no conxunto dos traballadores, tanto por conta propia como allea, sendo o sector público o único que incrementa a contratación.
Galicia sitúase como a segunda Comunidade Autónoma coas taxas máis baixas de poboación activa, un 52%, fronte a Asturias cun 50,6% e un 57,7% no conxunto do Estado.
Neste último informe de conxuntura cabe salientar un apartado específico dedicado ao papel de China na economía mundial, que antes ou despois afectará a economía europea e, polo tanto, á galega.
China aspira a ser un relevante actor mundial sendo a súa aposta máis salientable a Nova Ruta da Seda (denominada One Belt, One Road -OBOR). Esta iniciativa invoca a antiga Ruta da seda; evocando os intercambios comerciais cando a civilización china estaba no cénit da súa potencia e riqueza. A aposta actual consiste na construción de grandes infraestruturas que permitan inserir e conectar China co resto del mundo xunto cos denodados esforzos da burocracia chinesa para desenvolver unha nova orde internacional, incorporando a novos países baixo o liderado do goberno chinés. En definitiva, a través da Nova Ruta de Seda, China desexa conformar un proxecto de integración económica e militar de alcance mega-rexional, transcontinental, que fomente a procura dunha transformación xeopolítica do sistema internacional.





Comentarios