top of page

A economía galega resposta mellor á crise que a media española en 2020

Foto del escritor: Alejandro Domínguez Lamela
Alejandro Domínguez Lamela
25 mar 2021
3 min de lectura

Actualizado: hace 3 días

Data: 25/03/2021

Lugar: Santiago de Compostela

Hora: 10:30

Galicia resiste mellor o envite da crise que o conxunto do Estado. A estrutura económica e produtiva da nosa comunidade, cun peso menor do turismo e a hostalaría e maior do agroalimentario, contribuiron a elo.

Así se desprende dos datos analizados no “Informe de Conxuntura Socioeconómica I/2021” presentado en Santiago de Compostela polos autores do estudo, os economistas Patricio Sánchez Fernández, Francisco Javier Armesto, Santiago Lago Peñas e Fernando González Laxe.

Como xa debuxara o Foro Económico de Galicia nos últimos informes de conxuntura, as novas restricións e paralizacións dalgunhas actividades ao final do ano, racharon coa forte recuperación no terceiro trimestre e deterioraron as expectativas sobre a recuperación. Así, a economía galega presentou unha caída interanual do PIB do 8,9%, algo máis do previsto no escenario máis positivo debullado polo Foro xa no mes de maio de 2020 (-8.5%), pero máis de dous puntos inferior que a media estatal (11%). Con todo, compre destacar que as principais economías europeas presentan mellores datos no seu PIB: na UE a contracción é dun 6,3%.

En canto a demanda, cabe salientar a achega negativa do gasto interno, cunha caída de 8,3 puntos. Este descenso é a consecuencia da merma nun 13,2% do investimento. Un descenso mesmo superior ao gasto das familias, que se reduce un 11,3%. Pola contra o gasto das administracións públicas amosa unha suba interanual do 4,5%.

No que atinxe a oferta, os grandes sectores produtivos presentan en Galicia un mellor comportamento ca no conxunto de España, agás o primario (-3,3%) fronte ao incremento do 4,8 en España. Tanto en Galicia coma en España as actividades que presentan a maior contracción son: comercio, transporte e hostalería, e as actividades artísticas. En Galicia a caída é do 18% e do 24,2% en España.

Tamén é algo mellor -ou menos malo- o comportamento da industria manufactureira: en Galicia contráese un 9,6% mentres que no conxunto do Estado un 10,7%.

Impacto no emprego

No que atinxe ao emprego, os expertos do Foro consideran que o mellor indicador da evolución é o número de horas traballadas, que amosan un axuste do emprego superior á caída do PIB (-10,7% ).

Os ERTES constitúen a principal protección para os traballadores por conta allea. A 31 de decembro, 33.772 persoas estaban acollidas a un ERTE -un 3,4% das afiliacións galegas- pero con picos en abril dun 17% e en maio dun 14%. O número de empresas con ERTE ascende a 10.933, o que representa o 6,2% do total estatal.

Os expertos do Foro constatan que novamente o axuste do emprego prodúcese en maior medida entre as persoas máis vulnerables: os máis novos, asalariados con contratos temporais, traballadores con xornadas a tempo parcial e persoas con menor nivel educativo. Asemade, a poboación ocupada redúcese en maior medida no caso das mulleres. No extremo contrario compre suliñar o incremento de asalariados con contrato indefinido e os empregados do sector público.

A taxa de paro en Galicia aumenta ata o 12%, dúas décimas máis que no ano anterior, mentres no conxunto de España sube ata o 15,5%. Este axuste no emprego prodúcese de xeito xeralizado, agás no sector agrario e forestal que presenta unha medra con respecto ao ano anterior dun 3,8%. Os sectores máis golpeados son a hostalaría, cunha caída interanual do 31,3%, por diante da industria téxtil, coiro e calzado e madeira que sufriron una caída do 15,4% e 14,2% respecto ao número medio de horas traballadas no ano anterior.

O documento adica tamén unha análise ao índice de accesibilidade en relación ás redes de transporte marítimo no caso de Galicia e Portugal. Os expertos do Foro consideran que a medición das conexións marítimas dun territorio é unha ferramenta para coñecer os niveis de facilitación comercial. Nos portos galegos sobresae o alto nivel de especialización do porto de Vigo, en tanto que os demais rexistran movementos moito máis reducidos. En Portugal destacan os portos de Sines e Leixoes, que polarizan os tráficos de contedores e as escalas das embarcacións que configuran as cadeas globais de subministración.

Comentarios


bottom of page