top of page

A economía galega segue medrando malia acusar unha ralentización na taxa de crecemento no PIB

Foto del escritor: Alejandro Domínguez Lamela
Alejandro Domínguez Lamela
11 ene 2024
3 min de lectura

Actualizado: hace 3 días

Data: 11/01/2024

Acto: Informe de Conxuntura Socioeconómica IV/2023

Lugar: Santiago de Compostela

Hora: 10:30

Nun contexto de contracción económica na UE o crecemento da economía galega tamén amosa una ralentización. Porén, as taxas de variación interanuais seguen a ser superiores ás dos principais socios comerciais galegos, agás Portugal. O PIB galego medra un 1%, oito décimas inferior á media española, sendo esta porcentaxe do 0,6% en Francia e do 1,9% en Portugal. En termos intertrimestrais, a economía galega contráese un 0,3%, porcentaxe superior ao estimado na zona euro, o que contrasta coa suba do 0,3% en España.

O crecemento do PIB real en Galicia caracterizase por unha achega positiva tanto da demanda interna como, en menor medida, da externa. Dende o punto de vista da demanda, o diferencial de crecemento coa economía española ven dado pola contribución da demanda interna (1,7 puntos). Canto ao consumo privado, en España medra un 1,1% fronte ao 0,2% en Galicia, mentres que o investimento medra no Estado un 1,9% fronte a caída do 2% en Galicia. Pola contra, o gasto público presenta un maior dinamismo en Galicia que no Estado (5% vs 3,3%). No que atinxe á demanda externa, redúcense tanto as exportacións como as compras fora de Galicia, cunha contracción do 4,9% e 5,5%, respectivamente.

Dende o punto de vista da oferta, o crecemento do PIB ven explicado polo dinamismo do sector terciario, o que contrasta coa contracción experimentada no caso da construción e da industria. En Galicia é o sector servizos o que presenta a taxa de crecemento interanual máis elevada (2,1%). Compre mencionar o crecemento do 0,9% do sector primario. Fronte a estes datos, na economía española os catro grandes sectores rexistran taxas de variación interanuais positivas. Os autores do informe salientan a menor produtividade relativa do tecido produtivo galego en relación a media española e cualifícano de grave no caso da industria manufactureira, un 5,1% por baixo da media española en termos de horas traballadas e dúas décimas en relación aos postos de traballo equivalentes a tempo completo. No que atinxe á moi baixa produtividade relativa da industria manufactureira, no último trimestre sitúase no 70,9% da media española en termos de postos de traballo equivalente a tempo completo e no 72,9% en termos de horas traballadas. Estes datos configuran os valores máis baixos nun terceiro trimestre dende 2008, tras os do 2012.

O mercado de traballo galego presenta un balance positivo malia a devandita ralentización no ritmo de crecemento do PIB. Ao igual que en trimestres anteriores mellora a participación das persoas no mercado laboral e na ocupación, redúcese a taxa de desemprego e mellora a calidade do emprego (descende a taxa de temporalidade). Diminúe tamén o número de fogares onde todos os seus activos están en situación de desemprego. Con todo, estes datos deben ser matizados tendo en conta que Galicia se mantén entre as CC.AA. con menores taxas de actividade e ocupación.

Tras o devandito incremento do PIB galego nun 1%, a poboación ocupada medra un 2,7% respecto ao ano anterior, fronte ao 2,3% no caso das afiliacións rexistradas. Segundo os datos recollidos na EPA, o balance positivo apreciase no mantemento dunha tendencia crecente da poboación activa e na evolución da ocupación; de feito, todo o emprego asalariado creado é emprego indefinido e no sector privado, creándose emprego en todos os sectores agás no sector industrial. O descenso do desemprego ven motivado pola redución das persoas que levan máis dun ano en situación de desemprego, sendo o seu peso relativo o máis reducido nun terceiro trimestre dende 2009.

Finalmente, o informe dedica un apartado ao sistema enerxético español e a previsión de descarbonización para ano 2050. Para iso será preciso incrementar a xeración eólica por 6 e por 24 a xeración fotovoltaica, se tomamos como referencia o ano 2019. Para integrar tanta enerxía renovable, será́ necesario realizar un enorme esforzo de cara a incrementar a capacidade de almacenamento enerxético, podendo chegar aos 55 TWh aproximadamente, o cal representa un 9,5% aproximadamente da demanda enerxética anual.

Comentarios


bottom of page