A Galicia do século XXI no sistema europeo de transporte marítimo-terrestre

Actualizado: hace 3 días
Data: 15/11/2018
Lugar: Santiago de Compostela
Hora: 10:30
Os profesores Fernando González Laxe, Catedrático de Economía Aplicada da Universidade de Coruña e Jaime Barreiro Gil,profesor de Historia e Institucións Económicas da Universidade de Santiago de Compostela, son os autores do documento número 26 do Foro Económico de Galicia no que se reflexiona encol da modernización do Sistema Galego de Transportes, concentrando a atención na súa fasquía marítimo-terrestre.
Os autores parten do parcial relegamento de Galicia (ao igual que outras Comunidades Autónomas e rexións europeas) nas formulacións iniciais dos novos Corredores de Transportes europeos que non garanten a súa intermodalidade nin a total interoperatividade do sistemas e modos de transporte. Asemade, salientan para a situación galega os seus baixos índices de utilización dos investimentos, onde destaca negativamente o escaso número de plataformas loxísticas que permitan maximizar as economías de aglomeración.
No documento chámase a atención sobre o incumprimento parcial dos obxectivos referentes a infraestruturas de grande influencia económica e vencelladas ás políticas de ordenación territorialcomo o AVE, os Portos Secos e as relacións ferro-portuarias. Igualmente, sinálanse outras dúas eivas de grande transcendencia estratéxica que cumpre atender axiña: os baixos índices de conectividade internacional e a reducida inserción das actividades produtivas e de servicios nas cadeas globais de subministro.



Comentarios