Anuario 2017

Actualizado: hace 3 días
Data: 15/05/2017
Lugar: Santiago de Compostela
Hora: 10:30
O Foro Económico de Galicia publica o seu Anuario 2017 consolidando a andaina iniciada o pasado ano. Desde entón, o Foro continuou ampliando a difusión dos seus diversos documentos, tanto periódicos como específicos, na súa labor de analizar con visión estratéxica aqueles aspectos que afectan á evolución, situación e expectativas do desenvolvemento económico e social de Galicia, completando esas análises coa participación activa ante os axentes económicos, sociais e políticos galegos para achegar conclusións e propostas proactivas e anticipativas que sexan útiles a nosa sociedade.
A estrutura do contido do Anuario do Foro Económico de Galicia 2017 inclúe catro bloques de artigos:
O primeiro, “O Sistema Produtivo Galego. Situación e expectativas nun mercado globalizado”, pretende destacar a posición do Foro respecto ao necesario protagonismo do noso sistema produtivo no desenvolvemento económico e social de Galicia.
O segundo bloque, “Galicia e a Contorna Xeral. Balance e previsións”, desenvolve aspectos da contorna que condicionan o presente e futuro do sistema produtivo e da sociedade en xeral, tanto na súa dimensión temporal dos acontecementos recentes, actuais e previsibles, como na súa dimensión espacial, particularmente, Galicia, España, a Unión Europea e o contexto mundial.
O terceiro, “Financiamento público e privado en Galicia”, recolle análises relativas aos instrumentos de financiamento do Sector Público no contexto do necesario equilibrio fiscal, dada a transcendencia deses instrumentos na economía dos axentes económicos e sociais, así como sobre a evolución e perspectivas do sistema financeiro e as implicacións do mesmo no financiamento das empresas e as economías domésticas.
O bloque de peche, o cuarto, trata sobre a “Opinión dos axentes económicos, sociais e políticos galegos”, coa pretensión de complementar os artigos dos bloques anteriores cun resumo das opinións de diversos expertos do mundo da empresa, sindicatos e representantes políticos, sobre a situación, expectativas e propostas relativas á economía de Galicia, obtidas a través de entrevistas e a consulta do publicado polas entidades e organismos especializados.



Comentarios