Diagnóstico actual e propostas de futuro para a dixitalización en Galicia

Actualizado: hace 3 días
Data: 01/02/2018
Lugar: Vigo
Hora: 10:30
É preciso acoutar este informe nunha contorna ben definida e susceptible de ser analizada cun certo nivel de detalle. Imos analizar ese compoñente necesario da dixitalización que ten que ver coas oportunidades de acceso a infraestruturas modernas de telecomunicación, as que nos permiten como país xogar en pe de igualdade no contexto global, tanto a nivel individual como empresarial. Tentaremos tamén de analizar algúns parámetros de uso desas infraestruturas que nos permitan responder a unha pregunta á que entendo este informe debe achegar unha primeira, pero non por iso apresurada, resposta: ¿está Galicia (as súas xentes, as súas institucións, as súas empresas) no lugar que lle corresponde nesta aventura da dixitalización?
A partir do ano 2012, a fibra óptica converteuse no game changer, no factor dominante na toma de decisións dos operadores de telecomunicación. Os competidores de Movistar xa non van investir en equipos que permiten a xestión desagregada da conexión ADSL: concluíron que é tempo de construír (mercar) unha infraestrutura propia desde a que competir en pe de igualdade co operador dominante, dando como resultado as fusións e absorcións entre operadores comentadas neste traballo.
Cando fixemos un informe de situación das infraestruturas de Telecomunicación hai dous anos (Docampo, 2015) por encargo do Consello da Cultura Galega, constatábamos que os datos relativos a accesos contratados de fibra ata o fogar eran pobres na Galicia de finais de 2013 malia dispor de accesos instalados en harmonía co resto do Estado. A día de hoxe constatamos que a contratación dese tipo de servizos está xa normalizada nos últimos dous anos, o que xunto ao empuxe do operador de cabo no país coloca a Galicia nunha posición próxima á media do Estado no despregue e uso de tecnoloxías de banda larga.
Os datos recollidos sobre o uso de internet nas empresas en España indican que non hai ningún retraso, máis ben ao contrario, na adopción e integración de tecnoloxías dixitais nas empresas. Dada a posición de Galicia recollida na parte de infraestruturas, non parece aventurado pensar que a posición de Galicia está próxima aos datos que Eurostat facilita para o conxunto de España.
A pregunta que nos faciamos, ¿está Galicia (as súas xentes, as súas institucións, as súas empresas) no lugar que lle corresponde nesta aventura da dixitalización? pode xa recibir unha resposta logo de ter analizadas infraestruturas avanzadas de telecomunicación, a estrutura do I+D+i, o pulo da administación pública e o empuxe empresarial no sector TIC.
Galicia semella non estar lonxe do lugar que lle corresponde, non hai ningún atranco debido á falta de infraestruturas que impida levar a cabo proxectos empresariais na sociedade dixital, e cada vez son máis os cidadáns, mesmo en vilas de moi pouca poboación, que van ter ao seu dispor infraestruturas de rede de primeiro nivel. A Administración pública está xogando un papel activo no acceso e na promoción do uso de internet. O sector TIC está desenvolvido, e a capacidade de I+D+i pública e privada constitúe un dos mellores datos de cara ao futuro.
Porén, o feito de que por fin se estea collendo o paso de Europa no mundo das TIC debería tomarse como unha excelente oportunidade para intensificar os esforzos públicos e privados na dirección indicada pola Unión Europea na súa estratexia para o mercado dixital único: mellorar os accesos electrónicos a bens e servizos online, crear as condicións para que se desenvolvan plenamente as redes dixitais, e optimizar o potencial crecemento da economía dixital europea.
Cara ao futuro este documento pretende tamén enunciar algunhas propostas concretas de actuación, nomeadamente no que atinxe á intervención dos poderes públicos. Facémolo na convición de que a Administración pública galega está chamada a seguir tendo un papel fundamental como impulsora da consolidación de infraestruturas e como facilitadora da apertura de novos mercados, como vén facendo dende hai tempo.




Comentarios