top of page

España e Galicia, lonxe aínda de recuperar os niveis económicos pre-pandemia que xa acadaron Portugal, Francia ou Italia

Foto del escritor: Alejandro Domínguez Lamela
Alejandro Domínguez Lamela
6 jul 2022
3 min de lectura

Actualizado: hace 3 días

Data: 06/07/2022

Acto: Informe de Conxuntura Socioeconómica II/2022

Lugar: Santiago de Compostela

Hora: 10:30

No primeiro trimestre deste ano a economía galega medrou un 5,1%, unha porcentaxe significativamente inferior á media estatal (6,4%) e moi preto do 5,2% da taxa interanual da UE, onde compre salientar o 11,9% do Portugal impulsado pola achega da demanda interna; e Italia, co 6,2%, mentres Alemaña está moi por baixo da media comunitaria, cun 3,8%.

A recuperación da economía segue a ser incompleta en Galicia e en España, a diferenza do que acontece na UE-27, Portugal, Francia ou Italia, que superaban xa o nivel existente no cuarto trimestre do 2019.

O contexto internacional caracterizado por un elevado grado de incerteza derivado en boa medida polo impacto negativo da invasión da Ucraína, así como a incidencia de novos confinamentos en centros manufactureiros de China, que afecta á cadea de subministro de industria manufactureiras e ao comercio internacional, ou o retraso da execución dos fondos europeos engádense á persistente tensión inflacionista que constitúe a gran ameaza da economía non só polo seu impacto no consumo das familias, que ven como se deteriora o seu poder adquisitivo, senón tamén polo empeoramento das expectativas empresariais e, por tanto, unha posible contracción do investimento, e que incluso daña a supervivencia de moitas micropemes.

O crecemento agregado do PIB galego caracterízase por unha contribución positiva tanto da demanda interna coma externa, sendo esta última moito máis acusada (1,5 e 3,6 puntos, respectivamente). No que atinxe á demanda interna, o elemento -negativo- diferencial é unha nova redución do investimento, que descende de maneira continuada dende o cuarto trimestre de 2019 (agás no segundo trimestre de 2021). No caso do sector exterior, fronte ao incremento interanual das exportacións volven a reducirse as compras fóra de Galicia. En relación ao nivel precrise, a devandita recuperación incompleta débese ao comportamento do consumo privado e, sobre todo, á caída do investimento.

Dende o lado da oferta, o crecemento do PIB en Galicia explícase en boa medida polo comportamento do sector servizos, impulsado polas actividades do comercio, transporte e hostaleira (no ano anterior ainda existían restricións á actividade); e o sector primario, o que contrasta coa contracción experimentada tanto pola construción como polo conxunto da actividade industrial (incluídas as actividades extractivas, manufactureiras e enerxéticas) a pesares da medra que presenta a industria manufactureira.

Canto ao mercado laboral galego, o primeiro trimestre de 2022 consolida os seus indicadores, que amosan unha evolución favorable agás na poboación parada e a taxa de paro, que amosan unha tendencia desfavorable respecto ao remate de 2021.

A poboación activa recuperou no primeiro trimestre de 2022 a tendencia crecente rachada en decembro do 2021. Sen embargo, non se chegou a acadar o máximo de persoas en activo do terceiro trimestre do pasado ano.

Na evolución trimestral da ocupación en Galicia recollida en taxas pode comprobarse como tra-lo espectacular incremento acontecido no segundo trimestre de 2021, dende a segunda metade do ano pasado mantense unha tendencia crecente tanto en termos de postos de traballo a tempo completo como de afiliacións á Seguridade Social.

Onde se recollen os peores datos é na evolución do mercado laboral galego. Así, no primeiro trimestre continuouse a senda crecente comezada no último trimestre de 2021 na poboación parada e a súa taxa de paro. O trazo positivo haino que buscar no paro de longa duración que, tralo incremento do pasado trimestre, voltou a recuperar a súa tendencia decrecente.

Comentarios


bottom of page