top of page

Galicia gasta entre 200 e 300 millóns ao ano en formar universitarios que emigran

Foto del escritor: Alejandro Domínguez Lamela
Alejandro Domínguez Lamela
2 dic 2020
3 min de lectura

Actualizado: hace 3 días

Data: 02/12/2020

Lugar: Santiago de Compostela

Hora: 10:30

Os expertos do Foro Económico de Galicia constatan a necesidade de abrir un debate sobre a fuga de talento, unha realidade entendida como a emigración de persoas de alta cualificación. Aínda que a mobilidade de traballadores resulta desexable para axustar a oferta coa demanda de capital humano, unha perda neta continuada de persoas egresadas ten importantes consecuencias negativas a nivel económico e social.

O documento elaborado polos profesores Alberto Vaquero García, Sara Fernández López, Luis Espada e Víctor Manuel Martínez, aborda un asunto complexo: a fuga de talento non ten por que ser irreversible e debe ser entendida como un fenómeno propio da economía: O fenómeno convértese nun problema cando de forma sistemática se renuncia a persoas con alta formación obrigadas a emigrar. A gran dificultade que detectan os investigadores é a falta de estatísticas oficiais apropiadas para lograr cuantificar esta fuga, as fontes existentes só permiten unha aproximación moi xeral.

Este documento pretende, pois, realizar unha primeira aproximación e abrir o debate. Unha destas fontes estatísticas é a Enquisa de Variacións Residenciais. Segundo ela, en 2019 producíronse 28.853 movementos de saída de Galicia e rexistráronse 46.000 movementos de entrada, o que se traduce nun saldo positivo de 17.747 movementos.

Pola súa banda, a Estatística de Mobilidade do Mercado de Traballo indica que a poboación nada en Galicia emigra por razóns laborais de xeito maioritario cara ás Comunidades de Madrid e Cataluña; entre ambas recollen un 50% da poboación asalariada que emigrou de Galicia entre os anos 2016 e 2018.

Os autores destacan tamén que non todas as titulacións presentan a mesma taxa de emigración, algunhas alcanzan ata un 30%, por tanto resulta imprescindible contar coa taxa de ocupación de cada título para obter unha visión completa da situación.

O traballo expón unha batería de simulacións para dispoñer dalgunha aproximación. A partir dos supostos recollidos no informe, debido ao proceso migratorio, calcúlase que Galicia incorre anualmente nun custo por formar titulados que emigran, de, como mínimo, 178 millóns de euros ao ano (no caso de que os alumnos terminen a carreira en catro anos). Esta cantidade alcanza os 311 millóns, en caso de acabar a carreira en 7 anos.

Recomendacións dos expertos

Os autores deste traballo recomendan poñer en marcha unha serie de medidas cuxo obxectivo sexa, por unha banda, evitar a fuga de talentos e, por outra, promover o regreso dos universitarios que marcharon. Entre as recomendacións cabe destacar as seguintes:

  • Necesidade de realizar un esforzo en materia de emprego que permita axustar a oferta coa demanda de traballo.

  • A creación de postos de traballo pasa pola constitución de empresas innovadoras e de maior tamaño.

  • Recoméndase aprobar políticas públicas e privadas que permitan competir en igualdade de condicións.

  • Impulsar as actividades relacionadas coa tecnoloxía en Galicia.

  • Promover a cooperación entre o sector produtivo e o Sistema Universitario de Galicia, unha materia pendente.

  • Desenvolver políticas de retorno e atracción de talento.

Por último, todas estas recomendacións deberían incorporarse ás axendas políticas e promover unha discusión rigorosa sobre a fuga de talento e a súa recuperación. Ademais, habería que construír un instrumento que detecte as tendencias en materia de emigración e analizar as pautas de comportamento. Só así -rematan os expertos- poderase coñecer a verdadeira intensidade da fuga de talento e implementar medidas adecuadas para a súa recuperación e captación.

Galicia gasta entre 200 e 300 millóns ao ano en formar universitarios que emigran

Comentarios


bottom of page