I Informe de Conxuntura Socioeconómica

Actualizado: hace 3 días
Data: 01/03/2014
Lugar: Santiago de Compostela
Hora: 10:30
Fito: Nace o Informe de Conxuntura Socioeconómica co obxectivo de subministrar aos axentes sociais, económicos e políticos a información básica e estratéxica que permita definir a situación actual da economía de Galicia. Asemade, pretende facilitar a avaliación continua das magnitudes máis salientables do noso país; os avances e melloras, mais tamén os atrancos ou retrocesos na súa dinámica macroeconómica.
Galicia confirma a súa saída (técnica) da recesión económica, aínda que encadea once trimestres consecutivos de contracción do PIB en termos interanuais.
Galicia confirma no cuarto trimestre de 2013 a súa saída técnica da recesión económica, aínda que encadea once trimestres consecutivos de contracción do PIB en termos interanuais. O balance final do ano 2013 péchase cunha caída do PIB do 1,1%.
A evolución sectorial da actividade produtiva galega en 2013 amosa unha clara mellora no comportamento do sector industrial, que partía dunha situación moi negativa.
As exportacións galegas aumentan un 11,4% en 2013 logo da súa contracción no ano anterior. Asemade, despois das fortes quedas rexistradas nos dous últimos anos, o valor das importacións medra en 2014 un 9,4%.
En 2013 prodúcese unha importante caída da poboación activa e da ocupación en termos interanuais. Especialmente preocupante é o significativo aumento do número de parados de longa duración e a elevada taxa de paro xuvenil.
No que vai de ano 2014 o paro rexistrado descendeu en Galicia un 3,8% respecto ao mesmo período do ano anterior. Os contratos o fixeron por riba do 7% aínda que os contratos indefinidos descenden preto do 6%. Asemade, tanto as afiliacións ao réxime xeral da seguridade social como o número de empresas inscritas aumentan no mes de febreiro respecto ao mes anterior.
A capacidade de recuperación do mercado laboral galego e o español son similares.
Tralo estalido da actual crise económica, Galicia sitúase como a segunda comunidade coa menor caída de empresas activas, cun 5,1%, tan só superada por Madrid. Con todo, entre os anos 2003 e 2008 o incremento do número de empresas se sitúa lonxe da media española. Diante do inicio da recuperación económica é importante promover a dispoñibilidade de capital para novos proxectos empresariais.
As sete grandes cidades de Galicia, O Salnés, O Morrazo e Bergantiños son as comarcas galegas con maior incremento de empresas entre 2003 e 2008 e as que rexistran unha menor destrución desde entón ata a actualidade. En termos de densidade empresarial salienta a presenza de Deza, Terra de Melide, A Mariña oriental, Sarria e Terra de Soneira entre as comarcas con máis empresas por habitante.
As taxas de nacemento empresarial en Galicia son superiores á media estatal tanto no caso das empresas de alta e media alta tecnoloxía como nos servizos avanzados. A taxa neta entre nacementos e mortes empresariais é positiva no conxunto de empresas de servizos avanzados. Unha maior creación de empresas e a xeración de emprego de calidade nestes sectores incidiría nunha mellora da produtividade empresarial noutras ramas de actividade.
É necesaria unha estratexia global, coherente, consensuada e ambiciosa que priorice as iniciativas de vital importancia para a sociedade galega, contemplando os indicadores de control e seguimento, os responsables da súa execución e un calendario detallado da mesma.




Comentarios