III Foro Tecnolóxico “Unha estratexia en IA para a empresa galega”

Actualizado: hace 3 días
Data: 15/12/2021
Lugar: Santiago de Compostela - Edificio CEA (Centro de Estudos Avanzados)
Hora: 11:00
Todos os estudos internacionais sobre Intelixencia Artificial (IA) constatan o impacto positivo desta tecnoloxía no crecemento económico. Pero tamén advirten estes informes que o impacto non será uniforme nin homoxéneo en todos os territorios. Por iso resulta necesario reflexionar e definir unha estratexia temperá ao respecto.
O Foro Económico de Galicia reuniu esta mañá na sede do CES (Consello Económico e Social) en Santiago de Compostela a unha vintena de expertos co obxectivo de contribuír coa súa reflexión á elaboración dunha estratexia en IA que permita ao conxunto do tecido empresarial galego tirar partido das grandes oportunidades que ofrecen as tecnoloxías intelixentes.
Os asistentes a esta terceira edición do Foro Tecnolóxico -dirixido polos profesores Senen Barro e Luis Otero- coinciden en que a IA será a tecnoloxía máis transformadora de toda as que se desenvolveron ata o de agora e apuntan a que un tecido alleo ás tecnoloxías intelixentes, que non saiba integralas eficaz e eficientemente, terá moitas dificultades para sobrevivir e ningunha opción de liderar os seus ámbitos de negocio.
Polo de agora, os sectores que máis están a investir nestes desenvolvementos son o financeiro e os de telecomunicacións, transporte e loxística, xunto co da automoción, algúns deles moi ben implantados en Galicia. Con todo, son moitas as empresas que, a pesares de ser conscientes das oportunidades que ofrece a IA, non se recoñecen preparadas ou carecen do talento abondo para enfocar o uso da IA na súa organización.
Os asistentes ao Foro coinciden en que o punto de partida en Galicia é moi mellorable e que será preciso acelerar o pulo desta tecnoloxía, co apoio dunha estratexia galega e establecendo obxectivos ambiciosos en termos de formación, recualificación e investimento.
A responsabilidade desta tarefa, sen embargo, non pode recaer de xeito exclusivo nas empresas, polo que os expertos convidan a xogar un papel fundamental ás administracións públicas, aos gobernos, ás universidades, ás organizacións de investigación, aos axentes sociais en xeral é mesmo á sociedade no seu conxunto, quen debe contar con información e formación actualizadas para actuar.
O foro comezou con tres relatorios presentados polos expertos: Óscar González Represas, do Instituto Tecnolóxico de Galicia; Luís Pérez Freire, director xeral de Gradiant, e Manuel Rodríguez Fernández, xerente de consultoría para sector público de Deloitte España.
De seguido interviron como comentaristas destes relatorios Amparo Alonso Betanzos, catedrática de Ciencias da Computación e Intelixencia Artificial da UDC, Mar Pereira, directora de Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA), e Antonio Torrado, socio director da área de big data & advanced analytics de SDG Group. A relatora do encontro foi a profesora da Universidade de Santiago de Compostela, Sara Fernández López. Acompañados de unha veintena de asistentes, directivos e académicos vencellados ao mundo da tecnoloxía.


Comentarios