O Foro Económico de Galicia reúne aos expertos en saúde e tecnoloxía para impulsar a IA no sector

Actualizado: hace 3 días
Data: 25/11/2024
Acto: V Foro Tecnolóxico: IA na saúde
Lugar: Santiago de Compostela
O Foro Tecnolóxico, un encontro de expertos creado polo Foro Económico de Galicia hai xa cinco anos, reuniu este luns en Santiago de Compostela a mais de trinta expertos de distintas áreas de coñecemento para abordar as oportunidades e retos da aplicación da Intelixencia Artificial (IA) no sector da saúde, en particular na denominada medicina personalizada de precisión. Profesionais da investigación, responsables de centros hospitalarios, responsables en política públicas, especialistas en tecnoloxía e representantes de empresas destacadas compartirán os seus coñecementos para impulsar a innovación neste sector clave.
Este V Foro Tecnolóxico conta coa dirección de dous membros do Foro e profesores da USC, Senen Barro, e Luís Otero e a coordinación da Cátedra USC-Plexus Tech en Intelixencia Artificial en Medicina Personalizada de Precisión.
O encontro foi estruturado en tres grandes bloques temáticos, en primeiro lugar a investigación na IA aplicada á saúde.
Neste apartado analizáronse os avances máis recentes no uso da IA para mellorar o diagnóstico, o tratamento e a xestión sanitaria. Institucións como o CiTIUS (Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías Intelixentes da USC), o CITMAGA (Centro de Investigación e Tecnoloxía Matemática de Galicia) e o Complexo Hospitalario Universitario de Santiago (CHUS) expuxeron como a colaboración entre investigación e práctica clínica está a transformar a atención médica. Neste apartado participaron Benigno Rosón Calvo, Sistemas e Tecnoloxías da Información do Servizo Galego de Saúde, Carlos Peña Gil, CHUS-Complexo Hospitalario Universitario de Santiago de Compostela, Adrián Mosquera Orgueira, CHUS-Complexo Hospitalario Universitario de Santiago de Compostela e a investigadora Mabel Loza García, da Universidade de Santiago de Compostela.
O segundo bloque estivo dedicado ao papel das empresas, desde startups a grandes compañías. Nesta mesa expúxose o papel fundamental das empresas na implantación da IA no sector da saúde e a necesidade da colaboración público-privada. Desde pequenas startups innovadoras ata grandes empresas consolidadas, o foro destacou casos de éxito, retos e oportunidades para crear solucións que melloren a eficacia, eficiencia e calidade dos servizos sanitarios. Participaron nesta mesa representantes do ámbito empresarial: Alejandro Ramos Soto, director de I+D en InVerbis Analytics, Pablo Álvarez, Mestrelab Research S.L. e José Manuel Chao Ardao, Plexus Tech.
No terceiro bloque de contidos os expertos abordaron tres aspectos fundamentais para o desenvolvemento das ferramentas da IA ao servizo da saúde dos cidadáns. Por unha banda recalcouse a importancia de contar con datos e cos recursos de almacenamento, xestión e tratamento computacional necesarios para poñelos en valor. Neste punto os relatores foron: Lois Orosa, CESGA-Centro de Supercomputación de Galicia e Alfonso Valencia, BSC-Barcelona Supercomputing Center
En segundo termo os participantes consideran imprescindible unha reflexión sobre os aspectos legais e éticos: así, o debate centrouse nos retos relacionados co cumprimento normativo, a privacidade dos datos, a seguridade e o uso ético da IA, analizando como as regulacións actuais afectan a súa implantación, o relator encargado deste aspecto foi Ricard Martínez, director da Cátedra de Privacidade e Transformación Dixital da Universitat de València.
Finalmente fíxose fincapé na necesidade de ofrecer formación aos profesionais da saúde, salientando a necesidade de capacitar suficientemente aos profesionais sanitarios no uso destas tecnoloxías, garantindo unha correcta integración nos procesos de atención e xestión clínica. Esta última temática foi abordada por Javier Torrenteras, de Verne Academy.
Ambos directores, Senén Barro e Luís Otero afirmaron que este foro tecnolóxico está xa consolidado dentro do Foro Económico de Galicia, e está a converterse nunha referencia no seu ámbito da nosa comunidade e nun punto de encontro para fomentar a colaboración entre o sector público, o ámbito académico e a industria, axudando a posicionar a Galicia como un referente en innovación tecnolóxica.
A organización do evento contou coa colaboración de institucións como a Universidade de Santiago de Compostela, o Servizo Galego de Saúde (SERGAS), o CESGA e outros actores destacados do sector tecnolóxico e sanitario



Comentarios