top of page

Luces e sombras na economía galega no segundo trimestre do ano

Foto del escritor: Alejandro Domínguez Lamela
Alejandro Domínguez Lamela
10 oct 2024
3 min de lectura

Actualizado: hace 3 días

Data: 10/10/2024

Acto: Informe de Conxuntura Socioeconómica III/2024

Lugar: Vigo

Hora: 10:30

Nun contexto de debilidade da economía europea, a economía galega modera o seu ritmo de crecemento ao presentar unha medra intertrimestral do 0,5%, tres décimas por baixo do estimado no conxunto de España. En termos anuais, o PIB medra en Galicia un 2,5%, seis décimas inferior á media española, crecemento novamente superior ao estimado para o conxunto da Unión Europea.

O Informe de Conxuntura Socioeconómica foi presentado esta mañá na sede do Consorcio da Zona Franca de Vigo coa presenza do delegado, David Regades, o presidente do Foro Económico de Galicia, Emilio Pérez Nieto e os autores o documento, Fernando González Laxe, Santiago Lago, Patricio Sánchez e José Francisco Armesto.

A demanda externa é o principal motor de crecemento da economía galega, cunha achega de 2,4 puntos ao crecemento agregado do PIB, o que contrasta co que acontece en España, onde a demanda externa aporta sete décimas e a interna 2,4 puntos. Pola súa banda, en Europa a demanda interna detrae 5 décimas e a demanda exterior aporta 1,4 puntos. A Baixa demanda interna na economía galega (que so aporta unha décima ao crecemento agregado do PIB) é o resultado da contracción do gasto das familias do 0,9% -feito que non acontecía dende o primeiro trimestre de 2021- e dunha nova contracción do investimento (0,2%). En canto ás exportacións, increméntanse nun 6% respecto ao ano anterior, case catro puntos por riba do estimado para as importacións.

Dende punto de vista da oferta, fronte ao crecemento dos grandes sectores en España, a economía galega presenta unha contracción tanto do sector primario como da industria manufactureira, cunha caída do 2% e 1,3% respectivamente (aumenta máis dun 5% no conxunto do Estado). Salientar que a construción presenta un maior dinamismo que en España, cunha medra do 3%, medio punto máis ca no conxunto do Estado; a diferenza do que acontece co sector servizos, onde o valor engadido xerado medra un 2,4% fronte ao 3,7% na economía española.

Xunto a devandita debilidade do crecemento da industria manufactureira, cómpre insistir novamente na súa baixa produtividade relativa, que se sitúa no 75,9% da media española en termos de PTETC (postos de traballo a tempo completo) e no 78,7% en termos de horas traballadas, porcentaxes inferiores ás rexistradas entre 2008 e 2019.

O mercado laboral

O mercado de traballo galego mantén un balance global positivo se ben presenta importantes sombras. Entre os elementos positivos, salientar que todo o emprego creado é emprego indefinido no sector privado; que aumenta o emprego a xornada completa e que se rexistra un importante descenso do emprego de longa duración,malia a medra do paro estimado.

As sombras reflíctense no mantemento dos problemas estruturais do mercado do traballo, situándose Galicia entre as CC.AA. con menores taxas de actividade e ocupación, así como un menor dinamismo na creación do emprego que no conxunto de Estado.

Malia o incremento do PIB galego nun 2,5%, un punto superior ao estimado no ano anterior, tres dos catro indicadores da ocupación presentan taxas de crecemento notablemente inferiores ás do ano anterior.

Dunha banda, as afiliacións á Seguridade Social medran un 1,8% (unha décima máis que no ano anterior). Doutra, a poboación ocupada aumenta en Galicia tan só un 0,3% fronte ao 2,5% de 2023, en tanto que as contas económicas amosan unha medra do 1% dos postos de traballo equivalente a tempo completo e do 0,2% no caso das horas traballadas (2,1% e 2,7% no ano precedente).

Os datos da EPA reflicten que a pesar da ralentización no crecemento da poboación activa, esta mantén a tendencia crecente dos últimos anos (0,5% respecto ao ano anterior, máis dun punto inferior á media estatal). A diferenza do que acontece en España, este incremento prodúcese tan só entre os homes. No que atinxe ao perfil do emprego creado reflectido pola EPA, o devandito incremento da ocupación prodúcese tan só entre os homes, o que contrasta co descenso estimado entre as mulleres, feito que non acontecía dende o primeiro trimestre de 2021. O mercado laboral galego caracterizouse por unha medra tan só dos traballadores por conta propia, permanecendo practicamente estable o emprego asalariado, fronte ao acontecido en España, onde todo o emprego creado é emprego por conta allea.

Finalmente, en canto ao desemprego os datos da EPA amosan un incremento da poboación parada no último trimestre (2,2%), aumento que se produce tanto entre mulleres como en maior medida entre os homes.

Luces e sombras na economía galega no segundo trimestre do ano

Comentarios


bottom of page