top of page

Nadia Calviño: "Todos os organismos prevén que España sexa unha das grandes economías europeas cun crecemento máis intenso en 2022 e 2023”

Foto del escritor: Alejandro Domínguez Lamela
Alejandro Domínguez Lamela
28 jul 2022
6 min de lectura

Actualizado: hace 3 días

Data: 28/07/2022

Acto: Presentación do Anuario 2022

Lugar: A Coruña - Paraninfo del Rectorado de la UDC

O Foro Económico de Galicia volve a presentar na Coruña o seu Anuario, no seu acto aberto máis emblemático de cada ano, da man do reitor da Universidade da Coruña, Julio Abalde. Trátase dun espazo de análise plural, académico pero tamén empresarial e xornalístico. Interveñen: Julio Abalde Alonso, reitor da Universidade da Coruña (UDC); Diego Calvo Pouso, vicepresidente segundo da Xunta de Galicia e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes; Imelda Capote, delegada especial en Galicia da Axencia Tributaria; Emilio Pérez Nieto, presidente do Foro Económico de Galicia; Santiago Lago Peñas, director do Foro Económico de Galicia; Fernando González Laxe, membro do Comité Executivo do Foro Económico de Galicia e catedrático da UDC, e José Luis Gómez, editor do Anuario 2022, que avanzará as mensaxes da vicepresidenta primeira do Goberno de España e ministra de Asuntos Económicos e Transformación Dixital, Nadia Calviño.

O Anuario do Foro Económico de Galicia é, xa que logo, unha das publicacións de referencia desta plataforma de transferencia de coñecemento en materia económica, desde as empresas e universidades galegas á sociedade e aos espazos de decisión pública. Neste ano constata que a economía serpentea, sen esconder que é vulnerable; máxime ante o forte impacto da inflación e os atascos nas cadeas de subministracións.

Ao redor destas ideas móvense as análises que contén o Anuario 2022, publicación que mantén o xénero da entrevista, á vez que conserva as súas análises habituais das cinco edicións anteriores. A saída da crise da pandemia e da enerxética e inflacionista, solapadas no calendario, definen, por tanto, o fío condutor de todos os capítulos e apartados.

Como sempre, a obra volve estar repleta de roteiros e argumentos nos que prima a análise documentada, non exento de opinións con criterio propio, nesta ocasión con algunhas reformas na súa estrutura, para profundar na análise académica de primeiras figuras das facultades de economía.

Os cambios tentan ser fieis á propia filosofía do Foro Económico de Galicia, que se define como unha ferramenta da sociedade civil que pretende contribuír a coñecer mellor os desafíos, oportunidades e ameazas sobre a estrutura produtiva galega, as súas empresas e o seu sector público.

Entrevista a Nadia Calviño

O Anuario 2022 recolle nesta edición unha entrevista a fondo, concedida en exclusiva ao Foro Económico de Galicia, coa vicepresidenta primeira do Goberno de España e ministra de Asuntos Económicos e Transformación Dixital, Nadia Calviño, que é tamén presidenta do Comité Monetario e Financeiro Internacional, o principal órgano consultivo da Xunta de Gobernadores do Fondo Monetario Internacional.

Nesta entrevista que firma o xornalista económico e membro do Foro José Luis Gómez, tamén editor do Anuario 2022, Nadia Calviño constata que a incerteza e a escalada de tensión xeopolítica provocada por Vladimir Putin complica, sen dúbida, o escenario económico para os próximos trimestres, e engádese aos retos derivados destes dous anos marcados pola pandemia.

“Pero non hai que perder a perspectiva. Mesmo nestas circunstancias, todos os organismos internacionais confirman que España mantén este ano un crecemento forte, por encima das grandes economías europeas e da media da Unión Europea”, subliña a vicepresidenta primeira do Goberno.

Culminar a axenda de reformas que quedan ata o final de lexislatura é algo que Nadia Calviño ve preto. Destaca que levan máis de tres anos e medio gobernando sen unha maioría absoluta e sacando adiante reformas de gran calado, como a Reforma Laboral, e que só neste ano, espera que se aproben varias leis moi importantes. En definitiva, "grazas ao traballo destes anos", coida que van cumprir o programa reformista, "sen precedentes", do Plan de Recuperación.

Ademais de agardar resultados positivos dos plans aprobados polo Goberno contra a inflación, Nadia Calviño vería “moi positivo” que se lograse un acordo de rendas entre os representantes dos traballadores e os empresarios para evitar unha espiral inflacionista.

A estanflación –unha situación económica caracterizada por un estancamento do crecemento, á vez que persiste a alza dos prezos e o aumento do desemprego– é para a vicepresidenta unha palabra allea á situación económica de España. Para reforzar a súa argumentación achega datos: “Os organismos internacionais apuntan a un crecemento en torno ao 4% para España en 2022 e ao 2% en 2023 e unha redución do paro significativa.”

O gobernador do Banco de España, Pablo Hernández de Cos, reiterou que faltan medidas para asegurar a sustentabilidade das pensións, co seu futuro no aire. Nadia Calviño veo de maneira distinta: “O Goberno ten un compromiso claro co colectivo que máis sufriu a covid, os nosos maiores; é momento de darlles certeza e tranquilidade. Ademais, hai unha lei que recolle a revalorización das pensións, tal e como recomendou o Pacto de Toledo, que o Goberno vai cumprir.”

Con respecto ao cambio na Oposición tras a chegada de Alberto Núñez Feijóo á presidencia do PP, a vicepresidenta sinala que “de momento” non aprecia “un cambio significativo”. Ve que ao PP cústalle “saír do recuncho do non” e desexa que leve a cabo “un cambio de actitude” porque España necesita “unha oposición que estea á altura das circunstancias ante a conxuntura actual.” Nadia Calviño non elude na entrevista ningún dos grandes asuntos que están na axenda económica. Tampouco outros temas que teñen que ver coa súa relevancia política en Galicia ou os seus criterios en materia de igualdade.

Os autores do Anuario 2022

Emilio Pérez Nieto e Santiago Lago Peñas, presidente e director do Foro Económico de Galicia, constatan e analizan na súa introdución ao Anuario a adversa conxuntura actual, pero tamén lanzan ideas e propostas. Así, lembran que, desde hai tempo, o Foro abandeira a creación dunha axencia galega de avaliación de políticas públicas que funcione con criterios de independencia e rigor técnico e que dependa directamente da Presidencia da Xunta. É unha proposta ao fío dos cambios derivados da crise da pandemia e dos retos que expón a globalización. Para os principais dirixentes do Foro Económico de Galicia, urxe que os axentes sociais, o Goberno de España e o principal partido da oposición alcancen acordos a tres anos vista, e ven necesaria unha revisión progresiva de todos os procedementos da administración. Teñen claro que os fondos Next Generation EU deben chegar –“de verdade”– ás pemes. Esta introducción compleméntase coa presentación que escribe o xornalista económico e membro do Foro José Luis Gómez.

Na súa análise de conxuntura para o Anuario, Fernando González Laxe, José Francisco Armesto e Patricio Sánchez, membros do Foro e autores dos informes de Conxuntura –toda unha referencia en Galicia– analizan a economía post-covid. A existencia de distintos puntos de análises da situación económica complica medir a solidez e sustentabilidade da recuperación, tanto en Galicia como en España. A economía serpentea, sen esconder que é vulnerable; máxime ante o forte impacto da inflación e os atascos nas cadeas de subministracións. Unha nova axenda económica, cun pacto de rendas, parece necesaria, o cal esixe aumentar o consenso político e social, din estos expertos.

“É moi importante –diriamos transcendental– evitar que o episodio de inflación se volva permanente”. É o que pensa o catedrático de Política Económica da Universidade de Vigo Xosé Carlos Arias, membro do Foro Económico de Galicia, onde dirixe o proxecto Galicia 2040. Ten claro que diversos e importantes cruces de camiños apíñanse agora mesmo ante os ollos do mundo e que unha inflación alta e duradeira multiplicaría os obstáculos na concreción dun novo contrato social en sentido integrador.

Alberto Gago Rodríguez e Xabier Labandeira Villot, tamén catedráticos da Universidade de Vigo, asómanse ás páxinas do Anuario do Foro Económico de Galicia para constatar que nunca antes foi máis importante a colaboración público-privada e a ampla concertación social para afrontar o problema do Cambio Climático, quizais “o principal reto da nosa civilización” neste século, segundo a súa opinión. Ambos coinciden en que o horizonte dos problemas climáticos está moi por baixo dos intereses da xeración que agora debe facer sacrificios.

Colaboran igualmente no Anuario 2022 Lucía Ferreira Gómez, xerente do Foro, e Fernanda Martínez Castillo, xerente adxunta, que figuran entre os autores do bloque dedicado á memoria das actividades máis destacadas do Foro, xa coa celebración do tradicional Foro Anual, suspendido en 2020 –do mesmo xeito que a publicación e presentación do propio Anuario–, debido ás restricións pola pandemia. En definitiva, presentacións, documentos, informes de conxuntura, seminarios, foros e un manifesto forman parte das principais actividades do Foro.

Baixo a dirección de Santiago Lago Peñas, o Foro Económico de Galicia integra a profesores e investigadores, empresarios e directivos representativos dos diferentes sectores e áreas de Galicia, así como a xornalistas galegos de referencia. @ForoEcoGalicia

Nadia Calviño: "Todos os organismos prevén que España sexa unha das grandes economías europeas cun crecemento máis intenso en 2022 e 2023”

Comentarios


bottom of page