top of page

Nun escenario de concerto xeralizado, Galicia perdería entre 2.100 e 2.600 millóns de euros usando os datos do ano 2022

Foto del escritor: Alejandro Domínguez Lamela
Alejandro Domínguez Lamela
3 oct 2024
2 min de lectura

Actualizado: hace 3 días

Data: 03/10/2024

Acto: Presentación do documento 41 "O impacto económico para Galicia da extensión dos sistemas de concerto"

Lugar: Santiago de Compostela

Hora: 11:00

Os expertos do Foro Económico de Galicia, Santiago Lago Peñas e Xoaquín Fernández Leiceaga presentaron esta mañá en Compostela un escenario simulado das contas públicas de Galicia se o acordo ERC-PSC culmina na reforma do financiamento autonómico. Os autores do informe cuantifican con datos do 2022 un escenario extremo, definido por tres supostos: que o sistema de concerto se xeneralizase a toda España, que a achega á nivelación interterritorial dos diferentes territorios se reducise ata o mínimo que realiza hoxe a Comunidade Autónoma vasca, e que a administración central mantivese os seus recursos actuais. De calcularse o “cupo” ou cota en función do PIB, e non existir ningún elemento de solidariedade, Galicia perdería nese novo sistema de concerto xeneralizado 2.128 millóns de euros. O seu financiamento relativo por habitante axustado descendería 22 puntos, pasando do 104% da media no modelo actual ata o 82% da media co novo modelo. Se o “cupo” fose calculado en función da poboación, a perda seria aínda maior: 2647 millóns e 27 puntos porcentuais.

Un segundo escenario parte do suposto que só se aplica o modelo de concerto a Cataluña. Na primeira estimación supoñemos ademais que Cataluña contribuiría aos gastos da facenda central en función do seu PIB e sen que o seu concerto contemplase ningún compoñente solidario. Daquela, Galicia vería reducirse as transferencias ordinarias que recibe nun 6,27%: 634 millóns de euros, cos datos de 2022.

Loxicamente, a perda seria inferior no caso de que efectivamente se introducira un compoñente de solidariedade no cómputo dun potencial “cupo” catalán. Con achegas por solidariedade equivalentes ao 25%, 50% ou 75% do que hoxe caracteriza ao modelo de réxime común, as perdas para Galicia serían de 475 millóns de euros, 317 millóns ou 159 millóns, respectivamente.

Para os autores do traballo a expansión dos sistemas de concerto rexionais en España inclúe outros efectos, a ter en conta. Entre eles salientan os efectos negativos sobre a xestión e o control da fraude nun contexto de fragmentación da axencia tributaria; o enfraquecemento da administración central para responder a choques asimétricos negativos debido á perda de capacidade tributaria, o que, empeoraría o rating crediticio da débeda soberana e das administracións rexionais e locais; a cesión do 100% do IRPF limitaría a progresividade fiscal e a redistribución interterritorial, especialmente nun país como España, onde a redistribución xa é das menores da UE27; e a cesión do Imposto sobre Sociedades con capacidade normativa ás Comunidades Autónomas xeraría problemas de competencia fiscal, maiores custos para os contribuíntes e incrementaría as posibilidades de fraude fiscal.

Nun escenario de concerto xeralizado, Galicia perdería entre 2.100 e 2.600 millóns de euros usando os datos do ano 2022
Nun escenario de concerto xeralizado, Galicia perdería entre 2.100 e 2.600 millóns de euros usando os datos do ano 2022

Comentarios


bottom of page