O Foro Económico de Galicia analiza co presidente do ICO as novas ferramentas financeiras para impulsar o crecemento empresarial

Actualizado: hace 3 días
Data: 04/12/2025
Acto: O Foro Almorza co presidente do ICO, Manuel Illueca
Lugar: Zona Franca de Vigo
Hora: 09:30
O Foro Económico de Galicia celebrou esta mañá o último almorzo de traballo do ano, en colaboración coa Zona Franca de Vigo. O encontro contou coa participación do presidente do Instituto de Crédito Oficial (ICO), Manuel Illueca, como convidado principal.
Á cita asistiron unha vintena de membros do Foro, encabezados polo seu director, Santiago Lago, e David Regades, delegado do Estado na Zona Franca de Vigo, entidade anfitrioa do evento.
David Regades puxo en valor “o acerto do Foro Económico de Galicia na elección de Manuel Illueca como convidado deste encontro, unha vez que se coñeceron algunhas das novas iniciativas que o Instituto de Crédito Oficial pon en marcha para apoiar a familias e empresas, especialmente pemes”.
O delegado do Estado na Zona Franca lembrou que “a nosa prioridade, como ferramenta que somos do Goberno de España, segue sendo o tecido empresarial e nesa liña van os nosos proxectos e programas. A labor do ICO, sinalou, é fundamental nese ámbito”.
Santiago Lago, director do Foro Económico de Galicia, agradeceu tamén a presenza do presidente do ICO e subliñou que “o ICO representa unha oportunidade enorme para as empresas” e incidiu na necesidade de que a entidade avance nun proceso de descentralización.
Durante a súa intervención, Illueca presentou as principais liñas estratéxicas que está a desenvolver o ICO no marco da Adenda ao Plan Estratéxico da entidade. Subliñou que o banco público está a reforzar o seu papel na financiación directa para cubrir fallos de mercado, con especial atención a dous ámbitos prioritarios: Impulso á construción de vivenda destinada a alugueiro asequible e o apoio ao crecemento das pemes mediante solucións innovadoras.
Neste contexto, destacou a posta en marcha da liña ICO Crecemento, a primeira ferramenta 100% dixital do ICO dirixida a pemes. O seu obxectivo é complementar ao sector financeiro, mobilizando recursos para proxectos que adoitan atopar maiores dificultades no mercado, como: Investimento en activos intanxibles, procesos de relevo xeracional nas empresas familiares e operacións que requiren prazos amplos e estruturas flexibles.
Illueca explicou que esta iniciativa busca acompañar o crecemento de empresas viables, reforzando a súa estrutura financeira e a súa capacidade de investimento.
Así mesmo, o presidente do ICO lembrou o papel clave da entidade na resposta a crises recentes —como a pandemia da COVID-19, a guerra en Ucraína ou a DANA— mediante instrumentos financeiros que permitiron manter o capital circulante e facilitar a recuperación da actividade empresarial.





Comentarios