top of page

O Foro Económico de Galicia analiza co presidente do TSXG a situación da xustiza

Foto del escritor: Alejandro Domínguez Lamela
Alejandro Domínguez Lamela
23 may 2024
2 min de lectura

Actualizado: hace 3 días

Data: 23/05/2024

Acto: O Foro Almorza co Presidente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, D. José María Gómez y Díaz-Castroverde

Lugar: Santiago de Compostela

Un grupo de membros de Foro Económico encabezado polo seu presidente, Emilio Pérez Nieto e o seu director, Santiago Lago, reuniuse esta mañá co presidente do TSXG, José María Gómez y Díaz-Castroverde, nun almorzo que tivo lugar en Santiago de Compostela.

Dous temas centraron o diálogo entre os membros do Foro e o maxistrado: a situación actual da xustiza e o desafío que pode supoñer a Intelixencia Artificial aplicada ao ámbito da xustiza.

En canto á situación da xustiza, José María Gómez y Díaz-Castroverde, fixo un repaso aclarando cales son, desde o seu punto de vista, as súas fortalezas e debilidades na situación actual.

Díaz-Castroverde insistiu na anomalía constitucional que supón que o Consello Xeral do Poder Xudicial non se renovara, malia levar o seu mandato máis de cinco anos caducado, e nas consecuencias que esta situación ten para a imaxe da xustiza, podendo dar a impresión á cidadanía de que se trata dun Poder do Estado carente de independencia. "E nada máis lonxe da realidade, porque os xuíces e xuízas que traballan cada día nos órganos xudiciais deste país fano con total independencia, só suxeitos ao que din as leis e sen interferencias externas", afirmou.

Neste sentido, lembrou que unha das súas funcións como presidente do alto tribunal galego é garantir que toda a carreira xudicial que exerce en Galicia poida realizar o seu traballo "á marxe de calquera intento de inxerencia". Deste xeito, Díaz-Castroverde indicou que, aínda que a crítica ás resolucións xudiciais é algo perfectamente respectable, a mellor forma de se opor a un determinado fallo é recorrelo. "A vía xurisdicional sempre é a máis axeitada, para iso existe", sentenciou.

O presidente do TSXG detívose en sinalar que sería desexable unha reorganización da Xustiza para facela máis eficaz, aínda que non se mostrou optimista á hora de conseguir ese obxectivo. "Temos unha Xustiza hipercompartimentada, con 45 partidos xudiciais en Galicia, con normas, en ocasións obsoletas, que retardan a tramitación dos procedementos moito máis do desexado", comentou, á vez que explicou aos presentes que, en non poucas ocasións, os asuntos eternízanse pola tardanza dos informes precisos, ben sexan psicosociais, forenses ou económicos.

En relación á intelixencia artificial, manifestouse esperanzado co impacto que no futuro podería ter na Xustiza, aínda que advertiu do risco dos rumbos. En todo caso, matizou que aínda queda "un longo camiño por percorrer antes de que este recurso sexa realmente útil e o seu uso estea estendido nos órganos xudiciais".

Comentarios


bottom of page