O Foro Económico prevé que a economía galega medre entre un 4,8% e un 8,8% no 2021

Actualizado: hace 3 días
Data: 19/02/2021
Lugar: Ourense
Hora: 10:30
Os escenarios prospectivos do Foro para o ano 2021 contemplan para Galicia dúas posibles evolucións dependendo fundamentalmente da evolución sanitaria da pandemia, da velocidade e eficacia do proceso de vacinación e, de aí, da normalización da vida económica. A evolución máis optimista suporía un crecemento do +8,8% do PIB; e a pesimista un aumento do PIB no redor do +4,8%. Pola contra, no caso de que fora preciso realizar un novo confinamento semellante ao dos meses de marzo e abril de 2020, sufriríamos unha caída do -1,5% do conxunto do ano.
Os autores deste traballo de previsións, os economistas Santiago Lago Peñas, José Francisco Armesto Pina, José María Da Rocha Álvarez, Fernando González Laxe e Patricio Sánchez Fernández, salientan que nas cifras anteriores non aparece recollido o impacto positivo dos Fondos NextGenerationEU polas incertezas que existen aínda sobre os proxectos tractores que serán apoiados e a súa ubicación xeográfica, e tamén pola celeridade na execución. Deste xeito, supoñendo que o impacto en Galicia sexa homoxéneo respecto ao que o Banco de España ten cuantificado para a economía española, as cifras anteriores elevaríanse, respectivamente, ata un +10,1% e un +5,4%.
O escenario máis optimista (nomeado Covid-A +8,8%) está baseado no cumprimento das seguintes condicións: restricións leves ou moderadas durante o primeiro e segundo trimestres de 2021 e pouco relevantes durante o resto dos trimestres do ano. Neste escenario suponse que a campaña de vacinación remataría durante o verán e, polo tanto, a produtividade da economía recuperaríase plenamente a partir do terceiro trimestre do 2021.
O escenario Covid-B (+4,8%) daríase no caso de que o impacto das restricións fose medio-alto nos dous primeiros trimestres e que se mantivese parcialmente durante o verán.
No informe Previsións de Crecemento do PIB os autores dividen o traballo en dúas partes diferenciadas: a primeira, centrada nos resultados do acontecido en 2020; e a segunda, na que os autores do informe presentan as diversas previsións -das dispoñibles para 2021- e realizan a súa propia análise de prospectiva de posibles escenarios.
Finalmente, os escenarios debullados non contemplan o efecto positivo xerado polos fondos NextGenerationEU, por dous motivos. Primeiro, pola incerteza encol da parte dos mesmos que se vaia executar finalmente en 2021. Segundo, pola incerteza no que atinxe á parte dos mesmos que terá impacto territorial directo en Galicia. Sen coñecer que proxectos tractores y cando serán apoiados é difícil cuantificar o seu efecto.
Tomando como referencia os cálculos do Banco de España para o conxunto da economía española e supoñendo que o impacto na taxa de variación do PIB de Galicia estea na media para o conxunto de España, as taxas sinaladas nos dous escenarios poderían aumentar entre 0,6 e 1,3 puntos porcentuais dependendo de que a execución dos fondos acumule retrasos ou sexa rápida.



Comentarios