O galego pode ser un estímulo para a expansión das tecnoloxías lingüísticas e a Intelixencia Artificial

Actualizado: hace 3 días
Data: 23/01/2024
Acto: Presentación do Documento 40: Potencial de Galicia no sector das tecnoloxías lingüísticas
Lugar: Santiago de Compostela
Hora: 10:30
Nunha sociedade interconectada as tecnoloxías lingüísticas xogan un papel determinante xa que permiten aos ordenadores comprender, interpretar e xerar linguaxe natural. Xunto a IA (Intelixencia Artificial), conforman un campo interdisciplinario que engloba ferramentas como o recoñecemento e síntese de voz, clasificación e análise de texto e a corrección gramatical, entre outros.
A capacidade de interpretar a linguaxe está a abrir novas oportunidades e a transformar a maneira de traballar, aprender, comunicarse e vivir. Entre os principais ámbitos no que estas tecnoloxías teñen un impacto significativo destacan a formación e saúde personalizadas, o soporte técnico, a análise de información e a automatización de procesos.
O traballo presentado esta mañá en Santiago de Compostela polos expertos do Foro Económico de Galicia, Senén Barro e Luís Otero, académicos da USC, desenvolvido coa colaboración de Carme Magariños, Diego Vázquez, Ignacio Rodríguez, María Bastida, Miguel Taín, María Baqueiro e Paulo Gamallo, realiza un diagnóstico do uso das tecnoloxías lingüísticas en Europa, España e Galicia e advirte do crecemento exponencial desta tecnoloxía na próxima década.
O principal beneficio das solucións das TL (tecnoloxías lingüísticas) para as empresas é utilizar a automatización para reducir custos e mellorar as operacións comerciais para maximizar a produtividade e a rendibilidade. Os expertos do Foro afirman que as empresas que levan varios anos empregando solucións de procesamento da linguaxe natural argumentan que esta tecnoloxía mellora a eficiencia, xera vantaxes competitivas, reduce o tempo de produción e riscos, aforra custos e permite acceder a novas oportunidades de negocio.
Na actualidade o mercado a nivel global oscila entre os 15.000 e os 20.000 millóns e agárdase un incremento de ata 160.000 millóns a finais da década. A cota de mercado esperada para Europa a nivel global estimase no 20%, onde España ocupa o quinto posto cun 9% do mercado europeo. En España as comunidades punteiras son Madrid, Cataluña, País Vasco e Valencia, mentres Galicia ocupa a quinta posición. O estudo do Foro indica que as empresas galegas superan a media nacional, tanto no emprego da IA para a análise da linguaxe escrita coma no emprego da IA para converter a linguaxe falada en formato lexible por unha máquina.
Os autores consideran que o feito de contar cunha lingua propia abre a porta á creación de solucións específicas adaptadas ás necesidades lingüísticas locais, permitindo unha mellor precisión do procesamento da linguaxe natural. Ademais, o desenvolvemento de aplicacións específicas favorece a adopción de tecnoloxías e fomenta a diversidade e inclusión na era dixital. De aí que o galego sexa unha activo estratéxico que está servindo para potenciar o desenvolvemento e a innovación no ámbito das tecnoloxías da linguaxe.
Porén a situación do galego non é equiparable á doutras linguas como o inglés ou o castelán, polo que precisa dun pulo decidido que a sitúe como lingua de uso convencional nos recursos tecnolóxicos de uso común pola sociedade. O proxecto NOS naceu con esa finalidade: a de acadar unha ampla variedade de recursos linguüísticos en galego de alta calidade e que serán publicados en formato dixital. O proxecto NOS ten oito liñas de traballo que van dende a síntese de voz ao recoñecemento da fala, á tradución automática, á xeración de textos ou mesmo ós sistemas de dialogo.
O autores do traballo incidiron en que en Galicia o sector das tecnoloxías lingüísticas eríxese como un campo de extraordinario potencial, impulsado pola riqueza de contar cun idioma propio, pero tamén insisten na necesidade de materializar este potencial. É imperativo formar e nutrir de talento especializado, fortalecer a colaboración coa industria local, apostar por proxectos transversais que aproveiten sinerxias, e continuar impulsando o sector mediante investimentos financeiros e o acceso a recursos linguüísticos desde a Administración.




Comentarios