O monte galego do século XXI

Actualizado: hace 3 días
Data: 30/09/2020
Lugar: Santiago de Compostela
Hora: 10:30
O documento presentado está mañá por Edelmiro López, membro nato do Foro Económico de Galicia, pon de manifesto que é preciso construír (reconstruír) un aproveitamento diversificado, multifuncional, das terras de monte.
O informe ten a súa orixe na IV Reunión Casal de Armán e está coordinado polos profesores Edelmiro López e Albino Prada. Segundo os autores nese aproveitamento han de ter cabida usos moi diversos: produción de madeira de especies de crecemento rápido, madeiras de calidade, gandería extensiva, biomasa e outras fontes de enerxía renovable, funcións ambientais e espazo de lecer. Todos estes usos son compatibles cunha adecuada ordenación.
Os expertos do Foro consideran que tendo en conta as deficiencias que presenta a xestión das terras de monte, resulta imprescindible unha reforma estrutural. Reforma que, sen alterar a estrutura da propiedade, impulse a mobilización produtiva e un adecuado aproveitamento destas superficies.
O modelo existente en Galicia, caracterizado por ser de especialización produtiva e espacial, provoca importantes limitacións; entre elas, a forte dependencia dun número moi reducido de consumidores finais, a competencia doutras áreas do mundo, os problemas sanitarios e de adaptación ao cambio climático, a concentración das rendas na parte do territorio menos afectada polo despoboamento e a dificultade para xestionar unha biomasa que ameaza con aumentar os riscos de incendios.
A dimensión dos problemas require, segundo os autores do estudo, a participación das administracións públicas para impulsar un modelo alternativo, aínda que tamén recoñecen que a fragmentación da propiedade é un obstáculo para por en marcha este novo modelo. Como solución os expertos apostan por instrumentos legais que permitan xestionar o uso de monte sen que a propiedade individual poida supoñer un bloqueo.
Para levar a cabo esta reforma de fondo, os autores do documento propoñen catro directrices para o seu desenvolvemento:
Unha ordenación efectiva dos usos do solo.
A configuración dun novo equilibrio entre propietarios e usuarios das terras, que priorice os proxectos de aproveitamento (acordes coa ordenación de usos) fronte aos dereitos de propiedade.
A coherencia das distintas políticas públicas, corrixindo a fragmentación e contradicións entre políticas sectoriais.
Dado que a inmensa maioría das terras de monte en Galicia son de propiedade privada, a súa mellora debe ser protagonizada pola iniciativa privada. Pero isto terá que acompañarse dunha xestión pública directa de determinadas superficies.





Comentarios