top of page

O PIB galego cae menos que o do conxunto de España, se ben ambos os dous baixan máis que a media da UE

Foto del escritor: Alejandro Domínguez Lamela
Alejandro Domínguez Lamela
14 ene 2021
2 min de lectura

Actualizado: hace 3 días

Data: 14/01/2021

Lugar: Santiago de Compostela

Hora: 10:30

A economía galega amosa un mellor comportamento que a do conxunto do Estado fronte ao impacto da pandemia da Covid-19. Así se desprende dos datos en termos interanuais medidos no terceiro trimestre do 2020, que se analizan no último informe de Conxuntura Económica do Foro Económico de Galicia. Concretamente a Comunidade presenta unha contracción do seu Produto Interior Bruto do -6,2% fronte a -9% da media estatal; se ben ámbolos datos están por baixo da media da Unión Europea (-4,2%).

No informe, presentado polos expertos do Foro Económico de Galicia Patricio Sánchez, Francisco Armesto e Santiago Lago, baixo a coordinación do economista e ex presidente da Xunta de Galicia, Fernando González Laxe, sinálase que eses descensos veñen propiciados en Galicia, entroutros, por unha achega negativa tanto da demanda interna (-5,4 puntos porcentuais) como, en menor medida, da externa (-0,8). O investimento tamén presenta unha caída interanual do 9,2%, ao tempo que o gasto das familias mingua un 6,9%.

Canto á oferta, os grandes sectores produtivos presentan en Galicia un mellor comportamento ca no conxunto de España, agás o primario. O maior diferencial entre as taxas de variación interanual rexístrase nas actividades profesionais, con caídas do 4,2% en Galicia e do 13,2% en España. Porén, a pesar desta leve mellora da competividade relativa da súa economía con respecto á media estatal, Galicia mantén a súa posición intermedia baixa na clasificación de comunidades autónomas.

No que atinxe ao emprego, os expertos do Foro consideran que o mellor indicador da evolución é o número de horas traballadas. Novamente o axuste do emprego prodúcese en maior medida entre as persoas máis vulnerables: os máis novos, asalariados con contratos temporais, traballadores con xornadas a tempo parcial e persoas con menor nivel educativo. Asemade, a poboación ocupada redúcese en maior medida no caso das mulleres. No extremo contrario, compre resaltar o incremento de asalariados con contrato indefinido e os empregados do sector público.

O documento adica tamén unha profunda análise comparativa ao comportamento económico da Eurorrexión Galicia/Norte de Portugal. Entre outros aspectos, os expertos salientan a necesidade de favorecer o crecemento do tamaño empresarial xa que na media da Eurorrexión o 62% das empresas non ten empregado ningún, mentres que cara ao futuro, son as empresas máis grandes as que xeran emprego, implantan dixitalización e impulsan o I+D+I e a competividade do territorio. Tan só un 3,4% das empresas en Galicia e un 4,8% no norte de Portugal teñen dez ou máis asalariados.

Canto ao impacto empresarial da pandemia, no que atinxe ao saldo neto creación-destrucción de empresas no período, o norte de Portugal acusa máis o golpe, se ben os seus datos amosan un maior dinamismo cara a recuperación.

Comentarios


bottom of page