top of page

Os expertos destacan o potencial do sector cárnico pero advirten das asiganturas pendentes

Foto del escritor: Alejandro Domínguez Lamela
Alejandro Domínguez Lamela
21 dic 2023
3 min de lectura

Actualizado: hace 3 días

Data: 21/12/2023

Acto: Presentación do Documento 39: O Sector cárnico en Galicia. Propostas para o futuro

Lugar: Santiago de Compostela

Hora: 10:30

Os analistas do Foro Económico de Galicia presentaron hoxe un minucioso informe sobre o estado dun dos sectores cun importante potencial de crecemento, o da produción cárnica. O obxetivo do estudo e das numerosas propostas presentadas é mellorar a competividade e capacidade de xeración de valor para todos os elos da cadea. Os autores do traballo, José Manuel Andrade e Alfonso Ribas, recoñecen a complexidade do propósito pero apostan pola colaboración dos diferentes actores, con intereses as veces contradictorios pero tamén compartidos e que, por tanto, deberían traballar con visión estratéxica para mellorar o impacto económico, social e ambiental que este sector tan importante ten nos espazos rurais de Galicia e na economía agraria da nosa Comunidade.

A produción de carne a nivel mundial vén medrando de xeito continuado, acandando no 2021 un volume total de 357 millóns de toneladas. Dentro da UE, o valor do gando e da carne representa o 20% da produción agraria, unha cifra que acredita a importancia estratéxica deste sector na economía agraria europea. España é desde o ano 2020 o principal país produtor de carne da UE-27, seguido de Alemaña, Francia, Polonia e Italia, sendo ademais o principal país produtor de porcino de Europa.

Dentro de España, as principais rexións produtoras son Cataluña, Aragón, Castela e León e Andalucía. Estas catro comunidades achegan o 69% da produción cárnica española, mentres que Galicia sitúase como a oitava rexión produtora, representando o 5% do total, no entanto ocupa a terceira posición en canto a produción de carne de bovino e de aves. No período 2004-2022 reflíctese un aumento da produción en case todas as Comunidades, especialmente nas principais rexións produtoras. Galicia presenta un incremento moi moderado, ao redor do 4%. No caso da nosa comunidade a produción de carne acadou no ano 2020 as 422,8 mil toneladas.

Os autores do traballo advirten que un dos retos importantes aos que se enfronta o sector cárnico é a caída do consumo nos países desenvolvidos, por unha cada vez maior preocupación da poboación polo medio ambiente, pola saúde e polo benestar animal. Así o indican as cifras de consumo que, no caso de España, reflicten unha diminución continua desde o ano 2010 a un ritmo medio interanual do 2,5%. Outros retos importantes aos que se debe enfrontar o sector e que actúan como elementos que limitan a produción, son o cambio climático e os factores sanitarios.

No caso de Galicia, os principais retos pasan, no eido da produción, por garantir o relevo xeracional das explotacións, aumentar o seu tamaño e a base territorial, e mellorar a profesionalización. Para iso proponse poñer en marcha os instrumentos da lei de recuperación da terra agraria de Galicia, impulsar o relevo e a incorporación de persoas mozas ás explotacións a través da posta en funcionamento do banco de explotacións, e o impulso da formación, o asesoramento e a dixitalización do sector.

En canto á transformación industrial do produto, compre incrementar o tamaño e nivel tecnolóxico das empresas, mellorar a súa capacidade loxística e de acceso a novos mercados, e aumentar a súa aposta pola I+D+i. Para iso proponse mellorar as axudas públicas e a intensidade das mesmas para investimentos en transformación, comercialización e innovación. Tamén se propón a elaboración dun plan de formación continua para a industria e a posta en marcha dunha formación profesional dual, como mecanismo para solucionar os problemas derivados da falta de man de obra que lle afectan.

No eido da comercialización, cómpre reverter ou mitigar a caída do consumo e mellorar a capacidade de chegar a novos mercados en crecemento no segmento das carnes ‘premium’, no que Galicia pode xogar un papel relevante, para isto é preciso abordar unha reorientación da industria cara a elaboración de produtos de maior valor engadido.

Por último, os autores recomendan unha serie de medidas orientadas a mellorar a percepción dos consumidores e da poboación xeral sobre a produción cárnica, e outras destinadas a garantir a sostibilidade ambiental, a sanidade animal e a seguridade alimentaria.

Comentarios


bottom of page