Os expertos do Foro fan unha aposta pola Intelixencia Artificial para a xeración de riqueza e competitividade

Actualizado: hace 3 días
Data: 01/06/2023
Acto: Presentación dos documentos 36 e 38 sobre IA
Lugar: Santiago de Compostela
Hora: 11:00
O Foro Económico de Galicia considera determinante a implantación da Intelixencia Artificial nas empresas. De xeito xeral os estudos mostran que os efectos provocados pola IA son unha mellora na eficiencia dos procesos, a xeración de coñecemento, a transformación dos modelos de negocio e a mellora do rendemento operativo.
Ademais, unha estratexia ambiciosa na implantación da IA podería xerar claras vantaxes competitivas entre as Comunidades Autónomas.
María Bastida e Alberto Vaquero, profesores da USC e UVigo, presentan o informe sobre o “Desenvolvemento da IA en Galicia”, que resume unha diagnose do estado actual da IA no tecido empresarial galego realizada tanto dende unha perspectiva cuantitativa coma cualitativa, incluíndo as opinións de membros do empresariado galego. A principal conclusión deste informe é que a IA está nunha fase incipiente na comunidade galega, pero as empresas manifestan unha intención de adquirir tecnoloxías intelixentes superior á media nacional. Paralelamente, Galicia avanza na incorporación de formación en IA con iniciativas no marco do Sistema Galego de Universidades, fundamental para mellorar o grao de coñecemento e dominio das tecnoloxías. Isto permite intuír que a IA en Galicia pode converterse nunha vantaxe competitiva a curto prazo, aínda que para elo convén avanzar no afrontamento de eivas coma o tamaño medio empresarial ou a especialización produtiva, que poden supoñer barreiras para o completo desenvolvemento da IA na comunidade galega.
En canto ás recomendacións, apóstase pola mellora nas infraestruturas, a aposta pola formación combinada no plano formal e informal, e o reforzo das liñas de financiamento.



Comentarios