Os rebrotes e as restricións retrasan a recuperación económica de Galicia

Actualizado: hace 3 días
Data: 13/10/2020
Lugar: Santiago de Compostela
Hora: 10:00
Este terceiro informe elaborado polo expertos do Foro revela que, como se advertía no Informe I (2ª entrega) do mes de maio, o agravamento dos rebrotes, as novas restricións e paralización forzada dalgunhas actividades está a ter un efecto negativo nas rendas e un deterioro das expectativas, retrasándose a volta á situación de pre-crise.
A economía galega sufriu unha caída interanual do PIB do 3,6% no primeiro trimestre e 17,9% no segundo. O impacto inicial é inferior ao rexistrado no conxunto do Estado pero, como en crises anteriores, a recuperación é tamén máis lenta que na economía española.
Dende o punto de vista da demanda e centrado no segundo trimestre, o diferencial coa media estatal explícase pola achega positiva da demanda externa, ao contribuír con 2,9 puntos porcentuais á diferenza do acontecido en España, onde detrae 2,7 puntos. As exportacións galegas reducíronse un 19,9% e as importacións un 23,4%. Mentres en España as exportacións totais baixaron un 38,1% e as importacións un 33,5%.
En canto a oferta, Galicia benefíciase da menor exposición aos sectores máis afectados polas restricións de mobilidade, como a hostalería, comercio, artísticas e recreativas. Ademais o peso da industria agroalimentaria explicaría este diferencial: en Galicia no segundo trimestre a redución é dun 38,3% fronte ao 44,9% do conxunto do Estado.
Cabe salientar unha importante caída, no primeiro semestre do ano, do peso relativo das actividades de comercio, transporte e hostalaría. Tamén baixa a importancia da industria manufactureira e mantense relativamente estable o peso da construción.
Polo contrario aumenta en mais de catro puntos a relevancia da administración pública, sanidade e educación e tamén medra o peso do sector primario.
Mercado Laboral
O axuste do Emprego afectou en maior medida aos asalariados temporais (-19%), os traballadores con contratos a tempo parcial (-12,3%), os máis novos (-21,2% entre os xoves de entre 16 e 24 anos) e as persoas con escaso nivel educativo.
A poboación ocupada ascende no segundo trimestre a 1.050.400 persoas, un 4,4% menos que no ano anterior. Desa cifra total, 120.500 persoas atopábanse en ERTE, isto é, un 11,5% da ocupación total.
Se tomamos como referencia o número de horas traballadas en Galicia, presenta unha redución do 25,9% no número medio de horas traballadas, sendo a hostalaría o sector máis afectado, cunha redución dun 70,3%, seguida do comercio e reparacións (-41,5%) e da industria do téxtil, (-37%).
O informe dos expertos salienta tamén a fenda aberta entre Galicia e o norte de Portugal en materia de inversión en I+D. Asemade en 15 dos 17 indicadores do índice rexional de innovación, o norte de Portugal presenta unha mellor posición relativa. Neste senso, Galicia figura entre as nomeadas como rexións innovadoras moderadas, mentres que o norte de Portugal está considerada como rexión innovadora forte.
José Manuel Sánchez (UDC) finaliza o documento analizando a crecente dimensión económica do fútbol, un deporte profesional que se sitúa como un dos sectores máis potentes da industria do entretemento. Galicia non é allea a esta realidade e conta con empresas en auxe e dinámicas. Os expertos consideran que estas firmas non son “meras fábricas” de entretemento, senón que constitúen un activo con efectos socioeconómicos para as súas cidades de referencia.



Comentarios