top of page

Turismo Rural: diagnose e propostas

Foto del escritor: Alejandro Domínguez Lamela
Alejandro Domínguez Lamela
6 abr 2018
3 min de lectura

Actualizado: hace 3 días

Data: 06/04/2018

Lugar: Vigo

Hora: 10:30

O turismo rural en Galicia tivo moitos efectos positivos aínda que naceu tamén con certos problemas. De tal xeito que algúns se foron resolvendo co tempo mentres outros foron agraváronse. Dá a impresión que nos últimos anos houbo un menor pulo desta tipoloxía baixo a crenza que xa hai aloxamentos abondo e que ao seu carón foron multiplicándose as empresas de servizos. Ao amparo de foros como este cómpre seguir evidenciando que o turismo rural continúa a ser unha oportunidade pero que aínda hai demasiadas eivas que impiden o seu correcto desenvolvemento. Xa que logo, é preciso facer unha diagnose da situación actual, definir os principais retos e estratexias a implementar e priorizar.

Entre as valoracións que se fan sobre o sector compre destacar, entre outros, o marco legal restritivo da primeira lexislación, a baixa ocupación, a pouca rendibilidade económica e a falta de produción de produtos turísticos rurais integrados que combatan adecuadamente a estacionalidade, fixen poboación e dinamicen as economías rurais.

Posteriomente, as axudas públicas supuxeron un pulo para a revitalización das áreas rurais mediante a restauración e apertura de establecementos de aloxamento en edificacións rústicas, e que chegaron mesmo a saturar a oferta en destinos que non contaban con demanda suficiente. Atopámonos na actualidade nunha fase selectiva na que só pasarán a consolidarse aqueles que teñan unha idea de negocio propiamente dita e saiban comunicala. Por elo, identifícanse dúas posibles opcións para seguir adiante, aínda que con resultados esperados moi diferentes: (i) competir en prezo ou (ii) ofertar un produto integral e serio.

O turismo rural galego tamén precisa do pulo do receptivo como elemento desestacionalizador, desenvolvendo experiencias turísticas centradas na valorización dos nosos recursos naturais, patrimoniais, culturais, gastronómicos ou termais, e creando produtos e paquetes turísticos para as catro estacións do ano aproveitando os nosos recursos diferenciadores. Neste senso, sería interesante un proxecto institucional que os coordinase en torno a itinerarios temáticos, así como a creación de Centros de Interpretación da cultura rural, cos seus matices de diversidade ao longo da xeografía galega. Cremos, xa que logo, que habería que ir cara a unha especialización de tipo comarcal. A existencia dos xeodestinos é unha oportunidade para esa segmentación territorial. Esta proposta é absolutamente contraria á politica de dispersión dos aloxamentos rurais por todos os concellos.

Do sinalado no parágrafo anterior poderíamos deducir que o máis fácil sería ir cara a unha especialización dos establecementos. Esta especialización precisa de oferta complementaria o que representa oportunidades de creación de ofertas de turismo activo, tanto por eles mesmos, como por outras empresas locais, dando lugar a novos empregos. Simultaneamente, deberíase poñer en valor aqueles negocios que traballan de maneira máis profesionalizada: cursos de formación aos empresarios para mellorar o seu coñecemento sobre a contorna divulgación de sistemas de xestión adaptados á realidade e ás tendencias de consumo actuais novos modelos, como o agroturismo, a oferta gastronómica ou a reconversión de negocios. Así como a creación dunha marca propia de turismo rural.

A conclusión principal é que non se pode ver de xeito illado o turismo rural. Ten que ser inserido de novo nas políticas de desenvolvemento rural. No nivel máis particular é preciso asumir unha reordenación do turismo rural que inclúa unha especialización territorial e outra temática e que estea en consonancia coa propia base produtiva de cada comarca. Os xeodestinos, cunha axeitada mudanza, poderían servir para enfrontar estes desafíos. Por último tamén é necesario ter unha visión global do sector turístico de tal xeito que as distintas tipoloxías e as comarcas non se fagan competencia entre elas, senón todo o contrario, que cren sinerxias. Inclúese a mellora da clasificación existente das casas basicamente porque é confusa e selectiva.

Comentarios


bottom of page